A Estrada fala en galego

Francisco Brea
fran brea A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Trala conclusión do acto os premiados e as autoridades fixeron a tradicional foto de familia.
Trala conclusión do acto os premiados e as autoridades fixeron a tradicional foto de familia. fran brea< / span> < / span>

José López pediu que, máis pronto que tarde, se adique o Día das Letras Galegas ao estradense Manuel García Barros

14 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O teatro Principal da Estrada acolleu onte a entrega dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, un acto que comezou co son das pandeiretas e das voces de integrantes da agrupación local Tequexetéldere. Entre as autoridades presentes encontrábase unha boa mostra da corporación municipal e tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

O primeiro galardón en concederse foi o que recoñecía a difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes que este ano recaeu na asociación A Xesteira de Couso. Marcos Muíños foi o rmembro encargado de recoller o premio, unha escultura feita por Manolo Villaverde, e no seu discurso recalcou que «hai que promover o galego en todos os eidos e facelo importante, que non fagan falla estes premios de normalización, que o uso do noso idioma sexa normal».

Seguidamente otorgouse o recoñecemento á normalización no ámbito galego, que este ano tiña gravado o nome do debuxante e humorista Luis Davila, quen non puido asistir ao acto por ser inminente o nacemento do seu fillo. E xa por útlimo Xesús Alonso Montero fíxolle entrega ao teólogo e escritor Andrés Torres Queiruga o premio á normalización durante toda unha vida. Queiruga manifestou o seu agradecemento por este galardón e tamén incidiu en que «o uso do galego debería de ser o normal en Galicia. Eu sempre falei en galego aínda que na escola usábase o castelán, o que me facía pensar que os nenos que falaban o castelán eran máis intelixentes, pero vivir fora da terra dache outra visión, sínteste orgulloso de ser galego e de Galicia».

A última personalidade en intervir foi o alcalde, José López, quen destacou a actividade cultural da Estrada e citou persoeiros ilustres, facendo mención especial no día de onte en Olimpio Arca. Aproveitando a presenza do presidente da Real Academia Galega no teatro, López tamén solicitou que, máis pronto que tarde, se recoñeza a figura de Manuel García Barros adicándolle o Día das Letras Galegas. E xa para rematar o acto pechouse como comenzou, coa música interpretada por Tequexetéldere.