«A nosa visión de Rosalía é de alegría e de actualidade»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Baixo o título de «Os ollos que falan» ofrecen esta noite en Lalín un concerto de textos musicalizados da poetisa galega

31 oct 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

O Salón Teatro de Lalín será escenario esta noite (21.30 horas) dun concerto da agrupación Tempo Catro Sexteto da que forman parte Suso Iglesias (acordeón), Andrés Pazos (piano), Antonio Romero (contrabaixo), Javi Cedrón (violín), o percusionista Pablo Salgueiro e a cantante de Rodeiro Begoña Lorenzo. Un concerto cheo de poemas de Rosalía de Castro.

-Véselle ilusionada con este proxecto...

-Fíxome moita ilusión, e á par supuxo incredulidade, que me chamaran dende Tempo Catro para formar parte deste proxecto, que pensaran na miña persoa para poñer voz a este traballo. A verdade é que era un reto poñerlle voz a Rosalía e estou encantada e ilusionada de como esta a desenvolverse este proxecto. No 2013 se celebrou o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e se escolleron once poemas deste libro que Suso e Andrés musicalizaron. Escolleron aqueles que lles suxerían máis musicalidade.

-Unhas das peculiaridades deste traballo son os ritmos que se lle imprimiron aos textos...

-É así. Hai tango, valse, unha alborada... Eles dicían que eran tan musicais os poemas que lle suxerían os ritmos que logo foron collendo.

-Dos once textos, ¿con que poema se queda?

-Debería dicir todos. É doado cantalos. Sonan moi musicais pero eu teño unha especial devoción por «Eu cantar cantei».

-¿Un traballo que lle permitiu afondar moito máis nunha obra que xa coñecía?

-Eu coñecía a obra de Rosalía e tamén os seus Cantares Gallegos pero este proxecto nos cambiou a visión completamente e nós, con este disco, tamén pretendemos dar unha visión de Rosalía un pouco distinta, non tan morriñenta e triste. É unha visión de alegría e de actualidade, tremendamente actual xa que é unha muller cuxos textos seguen aínda vixentes. Significou un xiro e unha maior profundización nos textos de Rosalía. Os que estiveron en concertos anteriores lles chama a atención esa visión distinta á que están acostumados da Rosalía que soa a tristura e soedade; a nosa é viva, vida, rebeldía e forza.

begoña lorenzo vocalista de tempo catro sexteto