«É un orgullo ver como o Deza se volca co colectivo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Á primeira comida solidaria do día 8, na que haberá unha gran tómbola, prevé xuntar a máis de 300 persoas da zona

28 oct 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Pasaba o mes de xullo cando voluntarios da xunta comarcal da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) comezaron a prantexarse a posibilidade de organizar unha comida solidaria en Silleda; algo semellante ao que se ven desenvolvendo na cidade do Lérez dende anos atrás.

-Foi a raíz do acto celebrado en Pontevedra cando pensamos en facer esta comida. Dende o 25 de xullo estamos dándolle forma a esta iniciativa que tentaremos repetir todos os anos; esa é alomenos a nosa intención.

-Falaban dunha asistencia inicial de duascentas persoas, ¿mantense ou increméntase a cifra?

-Posiblemente se incremente e moito. A cifra que estamos barallando agora mesmo é dunha asistencia de máis de trescentas persoas; malia que o groso das entradas prevemos que se merquen nos últimos días.

-O prazo péchase o 5 de novembro, ¿onde se poden adquirir ditas entradas?

-Custan 15 euros e están a disposición de todos os interesados en todos os concellos da zona e tamén en algúns establecementos como é o caso da Carnicería Cuíña ou na froitería García de Silleda.

-Teño entendido que despois do xantar haberá sorteo de agasallos...

-Haberá moitos agasallos. Voluntarias da Asociación Española Contra o Cancro están percorrendo todos os concellos e visitando un a un os establecementos comerciais solicitando a súa colaboración en forma dun obsequio para a comida do próximo día 8. Teremos dous tipos de regalos; uns que irá asociado ao número da entrada e outros se entregarán a través dunha tómbola que imos instalar. Penso que todos os asistentes se levarán un cariño desta comida xa que a resposta do comercio do Deza está sendo extraordinaria. É un orgullo ver como o Deza se volca co colectivo. E non falo só daqueles que están facendo doazóns de obsequios tamén inclúo a todos os que están aportando os produtos necesarios para a elaboración do menú, que consistirá en sopa, cocido e sobremesa. Daremos a coñecer os nomes de todos os que colaboren coa iniciativa.

-¿A actividade formativa queda para despois do día 8?

-Ao rematar a comida xa poderemos centrarnos nos cursiños de voluntarios que queremos facer e comezar cos acompañamentos nos domicilios, impartir charlas informativas e levar material aos domicilios que o precisen pero eso será despois de que pase todo esto. De todos os xeitos é importante salientar que dende a asociación, e dende a xunta comarcal, sempre estamos de garda para dar resposta a calquera necesidade que xurda. Se se precisa un determinado material ou apoio psicolóxico a asociación sempre está aberta.

olga baltasar presidenta da xunta comarcal do deza da aecc