O País das Matemáticas enche de números o Laxeiro

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O centro súmase á celebración do Día das Bibliotecas cunha morea de actividades que se prolongarán ata o día 4

24 oct 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Cada 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas e, neste ano, aproveitarase a efeméride para profundizar no papel imprescindible da biblioteca escolar nos centros educativos co gallo de lograr espertar entre os rapaces o seu interese polas matemáticas.

A biblioteca do IES Laxeiro de Lalín organiza, en colaboración co departamento de Matemáticas do centro, unha serie de actividades que pretenden mergullar de cheo ao alumnado nese eido matemático desenvolvendo ao longo de quince días vocabulario vencellado a dita disciplina. No centro educativo xa se pode ollar unha ampla exposición de poemas de poetas de todo o mundo que gardan unha estreita relación co mundo matemático. Os alumnos do IES Laxeiro poden, por outra banda, achegarse a libros matemáticos e tomar parte en dous xogos que se centran nunha procura do tesouro e nunha xincana matemático-literaria. Xornadas que se aproveitarán para facer lecturas de poemas arredor das matemáticas e mesmo haberá xogos matemáticos nos recreos. No centro tamén se amosa unha exposición fotográfica matemática, cedida polo IES Chano Piñeiro, que propicia a participación dos rapaces nun concurso centrado na búsqueda de imaxes relacionadas coa disciplina matemática. Os alumnos poden captar instantáneas que garden relación coas matemáticas; haberá premios para as mellores. Estas actividades servirán de ponte cara a outra celebración; a do Día da Ciencia en Galego, que se celebrará o vindeiro 4 de novembro e para a que se están artellando tamén diversas iniciativas enfocadas ao alumnado do centro.

Por outra banda o colexio Xoaquín Loriga de Prado resultou gañador do noveno Concurso de Bibliomascota, promovido pola concellería de Cultura do Concello de Lalín a través da biblioteca Varela Jácome. Concurso que estaba dirixido aos rapaces de Educación Infantil e Primaria, no que foron galardoados os de 5º de Primaria do colexio de Prado, e ao que cada colexio podía presentar un só debuxo. Certame ao que optaron tres centros educativos. A recepción dos traballos rematou o posado 17 de outubro e estiveron expostos na biblioteca lalinense onde os usuarios votaron o seu debuxo favorito. A entrega de premios do Concurso de Bibliomascota se celebrará hoxe coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, a partires das 12.15 horas, no propio centro educativo. O premio consistirá nun lote de libros e un diploma acreditativo.