«No rural sábese de compost; é a esterqueira de sempre»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Cen familias de Goiás, en Lalín, participan nun proxecto de aproveitamento de materia orgánica que promove o concello

23 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) Fins Eirexas tomou parte onte na presentación do proxecto piloto de compostaxe caseira que promove o Concello de Lalín, e que lle foi achegado á veciñanza da parroquia de Goiás por ser a primeira en liderar esta iniciativa no municipio.

-Tutelan un programa que se está desenvolvendo noutros concellos galegos, ¿os resultados son óptimos?

-Son positivos. Estamos nunha trintena de concellos e nalgún hai lista de espera. Pensa que nós non inventamos nada e así llelo decimos aos veciños. No rural sábese de compost por ser a esterqueira de sempre, á que ían a parar os restos de comida e de peladuras. No rural eses recursos, que non residuos, se aproveitaban para o gando e para a horta pero a vida mudou moito e deixouse de exercer esa boa práctica. De feito habería que facer un amplo estudo sociolóxico para saber en que momento se perdiu isto, se perdeu a sensatez, e todo en poucos anos. O que queremos é revertir esa situación xa que os custes económicos de mover todo isto son moi importantes. A idea non é outra que recuperar algo que se fixo toda a vida, con algo máis moderno como é un composteiro pero dun mesmo xeito.

-¿Que pode ir ao composteiro?

-Todo tipo de materia orgánica, restos de comida, de peladuras e tamén de barreduras ou pousos de café. Por suposto nunca se poden botar plásticos, botellas, bricks, latas ou pilas. Cólleselle o tranquillo moi fácil e moi axiña. Logo, en seis ou sete meses se saca un compost de altísima calidade e todo cun simple cambio de actitude.

-¿Visitarán e asesorarán aos veciños?

-Ao tutelar este proxecto, que o alcalde pretende levar a todo o rural de Lalín, faremos tres visitas de control casa por casa para resolver aquelas dúbidas que poidan ter os veciños. Iremos vendo como funciona o proceso, canto lixo se reduce e tamén veremos a calidade do compost con análises químicas que fará o departamento de Inxeñeiría Química da Universidade de A Coruña. Na maioría dos casos, polos datos que fomos recollendo doutros concellos onde tutelamos os programas, a xente se involucra ao 100 % e leva a cabo unha óptima separación do lixo.

fins eirexas secretario executivo de adega