«A viaxe, que farei en moto, irá de Galiza ata Tesalónica en Grecia»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

A rodaxe arrancará o día 5 e rematará logo de recorrer 2.500 quilómetros

22 oct 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

¿Quen dixo que non había unha saída á crise se se puñan en marcha iniciativas diferentes e innovadoras? Isa foi a conclusión á que chegou un grupo de compañeiros, entre os que se atopa o deseñador gráfico lalinense Xavier Belho, tres anos atrás. Unha afirmación á que decidiron dárlle forma a través dun documental. Un traballo divulgativo que comezará a coller corpo o vindeiro 5 de novembro.

-O documental levará o título de «Crisis? What crisis?», ¿que se agocha detrás do mesmo?

-É unha resposta optimista a este ambiente de crisis dende iniciativas innovadoras e transformadoras que agroman e que nos dan lugar á esperanza. A crisis ven imposta dende arriba pero entendemos que á xente de a pe, todos nós, podemos facer cousas creativas que nos poden levar a unha forma diferente de vivir á que estamos acostumados.

-¿Que recollerán na filmación?

-Buscamos iniciativas cun compoñente de economía colaborativa, que están no pro común, que son innovadoras e transformadoras, cunha visión diferente e un sistema alternativo. A idea é plasmar nesta documental unha serie de iniciativas de xente de diferentes ámbitos; dende a ecoagricultura pasando polo sofware libre, asociacións vencelladas ao eido do ensino, colectivos diversos...

-¿Por onde discurrirá a rodaxe deste documental?

-A viaxe, que farei en moto, irá de Galiza ata Tesalónica en Grecia. O documental comezarei a gravalo o vindeiro día 5 de novembro en Galiza e posteriormente chegarei ao país veciño, Portugal, para continuar por Italia e finalizar o traballo en Grecia. Imos estar nos países que en Europa denominan Pigs (Portugal, Italia, Grecia, Spain). Un percorrido que farei nunha motocicleta do ano 1997, que estamos agora mesmo reparando, para que aguante a viaxe que temos por diante.

-¿De cantos quilómetros estamos a falar?

-O desprazamento o farei eu só xa que o equipo loxístico se queda aquí e, a idea é facer tramos de 300 quilómetros ao día, e en total serán uns 2.500 quilómetros os que percorrerei.

-¿Cando ten previsto culminar o desprazamento?

-A viaxe vai estar marcada polo tempo que faga, que non xurdan incidencias no camiño e, malia que xa temos o itinerario marcado, sabemos que poden aparecer variacións respecto do previsto inicialmente. O desprazamento pode mudar en función de novas iniciativas que vaian aparecendo unha vez comece o traballo de rodaxe.

-¿Cantos proxectos figuran na listaxe de iniciativas que recollerán no documental?

-Partimos con 23 iniciativas nos catro países nos que estaremos pero sabemos que esa cifra pode multiplicarse. Todo vai depender do que vaiamos atopando á hora de filmar todas esas iniciativas innovadoras que xurdiron froito desta situación de crisis, e que imos poder gravar grazas á colaboración económica de entidades e persoas que apoiaron este proxecto.

-Un vez rematado o traballo, ¿tocará levalo a festivais?

-O documental consta de dúas partes. Unha é a que se vai ir publicando día a día na web para que a xente vexa o que estou facendo, e logo estará a segunda parte que será o material gravado co que montaremos o documental. Unha vez esté totalmente rematado o que tentaremos facer será presentalo a todos aqueles festivais de documentais máis importantes do momento.

-E, ¿cando volta?

-Non volto, polo menos ao rematar a gravación que será en vinte días aproximadamente, xa que vivo no Pireo en Atenas. A idea é volver para a post-produción do documental.

xavier belho deseñador gráfico que rodará un documental sobre a crise

«Levaremos o traballo aos mellores festivais de documentais

do momento»