«Imos observando progresos, os esperados»

La Voz

DEZA

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

As xornadas no Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade que posúe Cogami en Silleda son do máis completas e céntranse en actividades de orientación á realidade con lectura de xornal, estimulación sensorial, talleres de manualidades, horticultura e momentos tamén para o ocio. Xornadas que arrancan ás dez da mañán e se prolongan pola tarde, de luns a venres.

-¿Queda oco para facer algunha actividade fóra do centro?

-Cando o tempo o permite polas mañáns, e antes do xantar, programamos rutas de sendeirismo pola contorna do centro e mesmo algún luns levamos aos usuarios a centros comerciais, a visitar algunha asociación ou á feira.

-¿A cantos usuarios atenden actualmente?

-As persoas destinatarias das sesións de terapia ocupacional no centro de recursos son 21, 11 homes e 10 mulleres da comarca de Deza, de entre 18 e 64 anos de idade con diferentes tipos de discapacidades e necesidades ocupacionais pero todos con discapacidade intelectual recoñecida. Acoden de forma diaria en sesións individuais e /ou grupais. No centro ofertamos programas de intervención psicofísico social, que se levan a cabo de luns a venres, en horario de mañán e de tarde. As persoas usuarias, que presentan distintas discapacidades, participan nun programa mixto onde se desenvolven de forma simultánea distintos programas a través de diferentes áreas de habilitación e atención.

-¿Que tipo de patoloxías presentan as persoas que atenden en Medelo?

-Temos unha decena de usuarios con patoloxía psíquica, nove que presentan patoloxías mixtas e dous con patoloxías físicas. O noso ámbito de actuación é toda a comarca de Deza e a de Tabeirós-Terra de Montes xunto con outros concellos limítrofes como son Vedra e Boqueixón. O noso radio de acción é amplo.

-¿Que melloras perciben co desenvolvemento de actividades?

-Entre os nosos obxectivos a curto prazo está a consecución desa maior autonomía á hora de coidarse, na hixiene bucodental, no peiteado, no afeitado, á hora de centrarse en hábitos de comida e tamén no manexo do diñeiro e en todo iso imos observando progresos, os esperados; os que nos fomos marcando dende que fomos comezando coas actividades. Certo é que quedan por cumprir algúns dos obxectivos a longo prazo; pero pouco a pouco imos facendo o camiño destinado a acadalos.