«A totalidade das televisións terán que resintonizarse»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Comeza o proceso de adaptación das antenas para a nova sintonización de canles de TDT, que suscita pouco interese

26 sep 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Industria publicou o pasado mércores o real decreto polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da TDT e que regula varios aspectos do denominado dividendo dixital. Un plan que suporá reaxustes nos televisores.

-¿Que é o dividendo dixital?

-É o conxunto de frecuencias que quedaron disponibles na banda de frecuencias tradicionalmente usada para a emisión da televisión despois de que se producira a migración da televisión analóxica á dixital. Esas frecuencias disponibles poden ser usadas pois para outros fins como, por exemplo, novos programas de televisión de ámbito rexional ou nacional, alta definición... Para que o cidadán poida disfrutar dese dividendo dixital en forma de novos servicios de banda ancha de cuarta xeración hai que dispoñer dun conxunto de frecuencias contiguo e se fai preciso levar a cabo unha resintonización.

-¿A resintonización hai que realizala agora mesmo?

-Non. Como cando se realizou a migración da televisión analóxica á dixital que aparecía nas pantallas dos televisores un aviso respecto da necesidade de adaptarse aos cambios, neste caso vai suceder exactamente o mesmo. Está previsto que os cidadáns sexan debidamente informados tanto a través dos medios de comunicación para proceder a resintonizar as canles coma a través da propia pantalla.

-¿Calquera persoa poderá realizar dita resintonización?

-Pensamos que o proceso será doado. Non irá, en principio máis alá, de entrar no menú do televisor e voltar a resintonizar as canles. Calquera persoa o poderá facer a excepción, ao mellor, dalgunha persoa maior que non saiba acceder ao menú do seu televisor. Algúns equipos receptores de TDT realizan unha resintonización automática de novas canles que lle permitirá ver todas as que ollaba con anterioridade sen necesidade de ir á resintonización manual pero, nalgúns casos, pode que haxa que localizalas ao final da lista de todas as canles sintonizadas. O que hai que saber é que a totalidade das televisións terán que resintonizarse. Por outra banda, o que non sabemos ata o momento é onde se colocarán os distintos repetidores e en que maneira afectarán aos televisores. Hai que agardar acontecementos.

-¿O proceso conlevará algún desembolso económico?

-De momento non se sabe. É unha cuestión que está aí pero sobre a que nos faltan algúns datos aínda. Podería ter un custe.

-¿Os cidadáns preguntan respecto desta cuestión?

-Pois a verdade é que, de momento, non. Parece que non lles suscita ningún tipo de interese o da resintonización. Só se me deu o caso nunha comunidade de propietarios que me preguntaron sobre o tema. Neses casos as actuacións a realizar van a depender do tipo de instalación de recepción de televisión que teñan no edificio e o instalador profesional valorará cada caso.

césar reboredo rozas instalador profesional de tdt de deza