«Yaos nos pediu vinte pares de zocos, dezaoito de home»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O deseñador, que presenta a súa colección para o próximo verán na Valencia Fashion Week, aposta por calzado cruceño

25 sep 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

O taller da artesá cruceña Elena Ferro é, como a cotío, un fervedoiro; pero estes días un chisco máis. Namentras se agardan os resultados da súa participación na pasarela de moda da Valencia Fashion Week, continúan unhas obras de ampliación nas instalacións do taller en Merza e se ultiman os modelos que se levarán ás festas do San Froilán. Os zocos feitos en Vila de Cruces estarán presentes hoxe en Valencia acompañando as propostas do deseñador Anel Yaos; galardoado co premio á mellor colección da pasarela valenciana noutras edicións.

-¿Como xurde esa colaboración entre Elena Ferro e Anel Yaos?

-Por unha amiga común de Sevilla que lle pareceu que podíamos desenvolver unha experiencia desta índole. Persoalmente non nos coñecemos aínda pero é unha colaboración que está sendo moi interesante e temos moitas gañas de ver o traballo en conxunto, o del e o noso.

-¿Traballaron con bocetos da colección de Yaos?

-O primeiro paso foi que me fixo chegar detalles da súa colección e do colorido de todas as prendas para a primavera-verán do 2015. Nos centramos en determinados modelos, os que semellaban máis significativos para o deseñador, e de aí xurdiron os vinte pares de zocos que nos pediu Yaos, que foron a parar a Valencia, e dos que dezaoito son de home e só dous de muller. Os de home son moi atrevidos, con moita cor; son chamativos. Estou a falarche de zocos rosa fucsia, laranxa... Os de muller, por contra, son moi sobrio. Un par é negro e o outro cobrizo. Estamos desexando ollar o resultado final.

-¿Estarán presentes na Fashion Week de Valencia?

-Non podemos ir. Agora mesmo hai moito traballo, estamos preparando as vindeiras feiras... Xa nos gustaría ao ser a primeira vez que desenvolvemos un traballo tan directo. Temos colaborado con outros deseñadores pero nesta ocasión o tema é moito máis persoal. O máis importante deste tipo de colaboracións é facerse ver noutros sitios. En Galicia a xente sabe o que son os zocos pero fóra sorprende. A inmensa maioría non sabe o que é un zoco e dar a coñecer o noso traballo e a nosa cultura, o que somos, é o noso deber. De todos os xeitos, en xeral, o zoco sorprende pero tamén gusta e iso é que buscamos, que encaixe coa xente.

-¿Nova colección para o outono-inverno?

-Non facemos coleccións puntuais senón que imos sacando novos modelos semanalmente. Temos un trato directo coa xente e sabemos o que gusta, o que están desexando calzar... É un outono no que continuarán os «animals print» que son moi vistosos, chegarán peles novas estampadas, de pelos... Haberá moitas novidades coma sempre e iremos dándoas a coñecer a través das redes sociais, nas feiras, no taller... Agora mesmo nos preparamos para amosar as nosas creacións no San Froilán onde estaremos dez días.

elena ferro zoqueira de merza