Unha aposta pola diversión e sociabilización en grupo

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O grupo Anacos abriu con risoterapia a súa programación

02 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Son cinco xoves con inquedanzas respecto dunhas necesidades reais dun ocio alternativo saudable e consciente que, ao rematar o seu paso por un curso de monitor de tempo libre, apostaron por deseñar un novidoso proxecto que comezou a súa andaina onte e que continuará ao longo desta semán baixo o paraugas do grupo informal Anacos. «Nos pareció interesante poder ofrecer un tipo de ocio alternativo. Pretendemos con esta iniciativa, subvencionada por Xuventude, que los jóvenes salgan de casa, que aprendan a divertirse en grupo», explica Alejandro Pérez desde la agrupación lalinense.

Un proxecto, nado baixo a denominación de Outro Punto de Vista, que abrangue dez obradoiros nos que se traballarán diferentes valores e que arrancou na tarde de onte cunha actividade de risoterapia á que asistiron unha vintena de persoas.

Esta iniciativa xuvenil contempla na súa segunda xornada de actividade a celebración de dous obradoiros; un de customización de camisetas e outro de manualidades creativas. Ambos se desenvolverán no concello de Lalín en horario de 17 a 19 horas o primeiro e de 19 a 21 horas, o segundo. Para o vindeiro mércores está previsto celebrar un de cestería; de 19 a 21 horas, e o día 4 de setembro haberá dous: de fotografía e de videoxogos. A agrupación deseñou outras tres propostas máis de lecer. O día 5, ás 23 horas, e con saída dende o concello se celebrará unha rota nocturna na que se coñecerán lendas e curiosidades da zona nunha camiñada que se prevé sexa moi concorrida. Para a xornada seguinte, o 6 de setembro e á mesma hora, está convocado un maratón de bailes latinos na Praza da Igrexa; actividade que se desprazaría ao pavillón municipal en caso de mal tempo, e media hora despois no mesmo emprazamento incidirase sobre as alternativas que existen fronte á cultura do botellón: cócteles sen alcol.

O grupo Anacos, que recibiu unha achega de 4.000 euros para este proxecto, non descarta poñer en marcha outras iniciativas «siempre que tengamos presupuesto para ello».