Foise un Mestre no Deza

Antonio Crespo Iglesias OBITUARIO

LALÍN

26 ago 2014 . Actualizado a las 14:42 h.

Hoxe dámoslle o último adeus a Chamorro. Gonzalo Chamorro González foi un home extraordinario, que viviu connosco en Lalín dende os anos 70.

Chamorro foi un excepcional veterinario que solucionou problemas a moitas familias da nosa comarca. Os máis novos xa non se lembrarán del, pois o tempo avanza inexorablemente, pero os que estaban en activo no noso rural nas décadas do 70, 80 e 90, seguro que non só o recordarán, senón que o terán en alta estima.

Foi un dos mellores veterinarios clínicos que pasou pola comarca do Deza, atendía fundamentalmente a gandeiros de Lalín, pero tamén aos de toda a nosa comarca. Tiven a grande honra de que fora o meu mestre nos meus inicios na clínica. Foi unha experiencia vital única e positiva poder aprender del, tanto dos aspectos estritamente técnicos, como das interpretacións paralelas que había que facer sobre o que en realidade querían dicir ás veces os nosos gandeiros. O coñecemento que tiña da nosa realidade económica e social era extraordinario, por iso era tan bo tamén ensinando.

Como persoa tiña uns principios e uns valores?, que ben lle iría a nosa sociedade con máis persoas coma el. Alí onde chegaba facía que todo fora alegría. Sempre procuraba salientar os aspectos positivos do que fora, por iso alí onde estivera sempre estaba rodeado de xente, que por iso e por moitos outros detalles o admirabamos enormemente, e por iso e por moitos outros detalles o queríamos.

Foise sen facer ruído, sen molestar nada como el quería, e botarémolo moito de menos. Nesta sociedade nosa tan competitiva, con tanta presa por chegar ás veces a non se sabe onde, apenas quedan ocos para agradecerlle á xente que de verdade fai pobo a súa contribución. Por iso invítovos a ter un sentimento de recoñecemento e de alegría en memoria de Gonzalo.

Queda connosco a súa familia, unha familia exemplar e comprometida connosco como pobo, por iso, Rocío, Ignacio, Marga, Toño, Pilar, Gonzalo e Santi, moito ánimo nestes momentos, e que saibades dende fora que este home fixo moito ben aquí no Deza.