A Romaría da Tortilla agarda a presenza de 8.000 persoas

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

A comisión dispensará 500 exemplares e haberá servizo de autobuses para Laro dende Lalín, A Bandeira e Silleda

30 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

É, sen dúbida, a festa gastronómica máis concorrida do municipio de Silleda e de boa parte da comarca dezá. A Carballeira de Castro voltará a encherse este venres pola noite de cestas de comida, con protagonismo especial para a tortilla, e de moita troula. Chega a Romaría da Tortilla. Unha cita ineludible no calendario de festas á que se prevé asistan nesta edición unhas 8.000 persoas, segundo significou o presidente da comisión organizadora Iván Calvo Fernández. Pandillas e familias enteiras aproveitaron os últimos días para buscar unha axeitada ubicación na carballeira na que xa quedan poucos sitios. Un enclave, que é de propiedade privada, e polo que se pide o maior respeto posible dende a organización. «Puxemos carteis solicitando o coidado da carballeira que nos ceden de xeito desinteresado para a ocasión e que non se rompan as árbores que hai alí, sobre todo as máis novas que se prantaron o ano pasado».

Unha romaría na que organizadores e veciños de Laro se encargarán de poñer a disposición dos comensais de xeito gratuito unhas 500 tortillas. Polo que se cobrará será «polas xerras, tazas e viratortillas. É un xeito que temos na organización para sufragar os festexos que se aproximan aos 30.000 euros de gastos. Coma todos os anos, ao mercar as xerras se poderán encher de viño e haberá suficiente no pipo. O ano pasado eran as cinco ou as seis da mañán cando se acabou o viño. Pensamos que haberá suficiente para a festa do venres». Unha romaría que prescinde nesta vixésima sexta edición de pregoeiro. A decisión hai que buscala na pouca afluencia de público que se xuntaba no recinto á hora do pregón. «Comezaba sobre as nove da noite e poucas persoas asistían ao mesmo e tamén nos permite aforrar un chisco».

O que non mudará será a posta en marcha do servizo de autobuses da empresa Meijide ata Laro, que sairán da estación de autobuses de Lalín dende as 20.30 horas e ata as 23 horas cada media hora; de A Bandeira do Hotel Victorino ás 21, 22 e 23 horas pasando polo Bar Lago de Silleda. Servizo que se completará cos retornos aos lugares de partida que no caso de Lalín se farán dende as 03.30 horas e ata as 8 da mañán cada media hora; e para Bandeira e Silleda dende as 4 e ata as 7 da mañán cada hora. «Disporemos tamén de servizo de taxi co gallo de evitar posibles accidentes». Na parte musical actuará o grupo Limón e Nova Imperial, o sábado América S.L. e Cinema e o domingo o Dúo Máster.