O compostelán Alberto Ramos gaña o premio García Barros

Montse García Iglesias
Montse garcía A ESTRADA / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

A obra «Máscaras rotas para Sebastian Nell» será publicada por Galaxia

18 jul 2014 . Actualizado a las 08:00 h.

O escritor e xornalista Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) uniuse onte a nómina de gañadores do Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) coa obra Máscaras rotas para Sebastian Nell.

O xurado desta 26ª edición do certame literario convocado polo Concello de A Estrada elixiu esta obra por maioría entre as 33 presentadas. Destacou da novela gañadora a «grande orixinalidade estrutural» e a «densidade humana que resulta da caracterización do seu protagonista». Así, incidiu especialmente na capacidade do autor, Alberto Ramos, para unir a narrativa co xénero da entrevista. «Baixo esta fórmula, introdúcesenos nunha poderosa historia protagonizada por un actor inglés nas súas derraderias horas que lembra os seus días, cheos de luces e sombras, diante dunha xornalista coa que mantén unha longa entrevista. Polo camiño vai aboiando todo un mundo de miserias persoais e profesionais, de envexas e iras que tracexan un retrato intenso e non sempre agradecido do difícil universo do teatro e o espectáculo británico», salinta na acta da concesión o xurado integrado por Inma Otero, Carlos González de Lema, Armando Requeixo, Luis Alonso Girgado e Carlos Loureiro, de secretario.

Agora, a obra, que é a cuarta do autor compostelán, será publicada por Galaxia no mes de novembro, antes da entrega do premio, en decembro. Ademais, está dotado con 9.000 euros.

O alcalde, José López, agradeceu a todos os esforzos para que o García Barros sexa unha realizade. Engadiu que continuarán apostando por este premio que, sinalou xa é unha publicación agardada por parte dos lectores. Pola súa banda, Carlos González, explicou que este foi o ano con máis novelas presentadas ao concurso.

O crítico literario, Armando Requeixo, destacou da obra gañadora que atrapa ao lector desde a primeira plana. E o xurado tamén incidiu na fórmula innovadora que supón o estilo elixido xa que nunca antes se fixera.