«Contamos xuntar mínimo 600 quilos de alimentos que irán a quenes os precisen»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O colectivo lidera unha iniciativa solidaria dentro do Rali de Regularidade Vila de Lalín que se celebrará hoxe

12 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Un descenso no volume de inscricións nas actividades programadas, e conscientes de que a situación económica está a ser dificultosa para moitas familias, levou aos directivos da Escudería de Clásicos O Toxo a engadirlle ao seu Rali de Regularidade Vila de Lalín deste sábado tintes solidarios.

-¿En que consiste a iniciativa solidaria que poñen en marcha?

-É unha recollida de alimentos. Dende as once da mañán, momento en que chegarán os vehículos -a un local cedido polo concello nas inmediacións do rexistro do consistorio- para as verificacións administrativas e técnicas, que teñen que traer permiso de circulación, a ficha técnica coa ITV pasada, o recibo do seguro e o carné de conducir, os participantes deberán de facer entrega de alomenos dez quilos de alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiene persoal. Logo, aqueles que a título persoal queiran facer algunha aportación tamén a poderán facer.

-¿Cantos quilos de alimentos prevén xuntar?

-Contamos xuntar mínimo 600 quilos de alimentos que irán a quenes o precisen. O obxectivo era alcanzar a tonelada de produtos. Veremos que sucede. O que sabemos é que contamos con 56 participantes anotados procedentes das escuderías de Ourense, Vigo, O Salnés, Val Miñor, Ferrol, Lugo... Mesmo virá un equipo ben peculiar, que pertence a nosa escudería; o piloto chega de Ibiza e o copiloto de Barcelona.

-Iso é afición...

-Si. De feito creamos un trofeso especial para o equipo que ven de máis lonxe, e creo que lles vai tocar a eles...

-¿Exactamente que é un rali de regularidade?

-Gústame máis falar de ruta de regularidade xa que nós non corremos. Isto é máis de navegar. Entregamos aos participantes un libro de ruta, que reciben minutos antes de saír, e no percorrido teñen que levar unha media de velocidade exacta. A saída será do consistorio, parada en Cruces ás 18.00, e o percorrido por pistas e aldeas tocará a Agolada, Silleda, Cruces e Lalín. Remataremos con cea e entrega de trofeos. Haberá agasallo especial ao equipo totalmente feminino e no parque pechado se poderán ollar coches chamativos coma Porsche 911 ou dous Ford Escort MK1.

víctor grande secretario da escudería de clásicos o toxo