«A mellor feira é a de Melide; por xente e celebrarse o domingo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Leva dezaoito anos montando un posto de seu de artigos infantis

04 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Na zona non abundan precisamente os vendedores ambulantes, e menos as mulleres ao fronte dun posto desas características. Malia todo algunhas hai que fixeron destes desprazamentos por media Galicia a súa vida laboral. É o caso de Mónica Veiga Gómez que, con 21 anos, comezou «a facer as feiras».

-Non hai moita muller da zona que sexa feirante, ¿de que xeito comezou a súa andaina?

-Fixen ata o bacharelato pero logo non quixen estudar máis e quería poñerme a traballar. Por aquel entón, miña irmán e meu cuñado se adicaban á venda de roupa nas feiras e pensei que podería ser unha opción de gañarse a vida. Aprendín con eles e aquí continúo nas feiras dezaoito anos despois. Eles, por contra, xa non se adican a isto. E é certo que da zona somos poucas as mulleres que imos ás feiras a vender. Eu só coñezo unha muller de Vilatuxe, que ía co seu home, e que agora non vexo case nunca e logo na zona de A Estrada penso que hai algunhas ao fronte dos seus postos.

-¿Que tipo de artigo vende?

-O primeiro que vendín foi roupa de muller, que é o que tiñan miña irmán e meu cuñado, pero había e hai demasiados postos desas características polo que cando comecei pola miña conta decantéime pola roupa de nenos. Somos menos os tendeiros que nos adicamos a este tipo de venda. Hai mercados nos que ao mellor somos só dous ou tres, e de roupa de mozas hai un cento...

-Das feiras que ven facendo, ¿cal é a mellor?

-Ao mes veño facendo unhas dezaoito feiras. Vou a Arzúa, Melide, Monterroso, Lalín... A máis lonxana á que vou é a de Curtis e a mellor é, sen dúbida, a de Melide polo volume de xente que acude e por celebrarse en xornada de domingo. É unha feira con moitísima afluencia de xente polo que sempre é máis doado de que poidas vender algo.

-Lalín non celebra feiras en domingo, ¿entende que é un erro?

-Non sei se é un erro. O que podo decir é que as feiras a golpe de domingo, polo menos é o caso da de Melide, son un fervedoiro. A feira de Lalín, a que concidiu en Venres Santo, foi moi boa. Coincidimos os tendeiros en que foi un día 18 no que se traballou moi ben e iso non o podemos decir doutras feiras celebradas polo ano adiante.

-Vamos que a venda ambulante tamén se resinte desta situación económica...

-Claro. Nós tamén nos vemos afectados de cheo pola situación que se está dando. Se non hai cartos, non os hai para mercar na tenda e tampouco na feira. Somos moitos os que tentamos gañarnos a vida co desenvolvemento deste tipo de traballo pero se non se lle dá un pulo ás feiras, e se a xente non acode ás mesmas, non sei cal será o futuro de todo isto. Hai que lanzar unha mensaxe de optimismo e en positivo para que as feiras volten a seren coma as de antes, aquelas que eran feiras de verdade, e que os cidadáns agardaban con enorme espectación.

mónica veiga gómez vendedora ambulante de vila de cruces

«Decantéime pola roupa de nenos ao haber unha menor oferta deste tipo de xénero»

«Se non hai cartos, non os hai para mercar na tenda e tampouco na feira»