O Urbanismo Monopoly

Carlos Fernández Coto

DEZA

20 abr 2014 . Actualizado a las 08:00 h.

Oda Estrada, como moitos do interior, é un concello sen complexidade urbanística. A súa morfoloxía territorial, lonxe dos encrucillados que atopamos na costa ou nas áreas metropolitanas, permite unha ordenación sinxela con dous conceptos: delimitar as aldeas e a súa área de crecemento e redactar unhas ordenanzas para a vila.

Tendo en conta estes parámetros, custa crer que levemos tantos anos loitando por ter un PXOM, pero custa máis entender por qué non o temos. Non o temos porque nunca se tomou en serio o urbanismo, porque o núcleo principal foi un taboleiro do Monopoly para as promotoras inmobiliarias, ás que nunca interesou reducir beneficios nin aportar terreos para zonas verdes, que durante anos foron construíndo nunha malla urbana pensada para unha cidade de cincuenta mil habitantes.

O rural, namentres, foi esmorecendo por falta de ideas e pola prohibición de construír. Pensemos que o maior reto que ten o concello agora é o demográfico: inverter as estatísticas e fixar a poboación no rural, que representa dous terzos da poboación, promover estratexias de aproveitamento do monte, de agricultura de calidade e turismo de excelencia.

Para poder levar a cabo unha atractiva oferta residencial no rural, base do desenvolvemento do sector primario, é necesario desbloquear a situación urbanística que o ven amordazando dende principio de século, pero para que se poida edificar nas aldeas non é preciso ter un Plan Xeral, basta con un Proxecto de Delimitación dos Núcleos Rurais, que nunca se fixo, non sei se por ignorancia, por desidia ou por outros intereses.

Dereitos e política

Non podemos estigmatizar a un puñado de veciños que reclaman os seus dereitos, a legalidade, e que en ningún caso pretenden bloquear o planeamento municipal. O PXOM é un contrato entre os cidadáns e o seu territorio, e para que calquera contrato sexa xusto e eficiente, ámbalas dúas partes teñen que concordar e acordar. É impensábel, no século XXI, facer plans sen a implicación da cidadanía, sen participación.

Denantes de aplicar solucións xurídicas na procura dun éxito político, hai que facer Política con maiúsculas, é dicir, compartir coa cidadanía as ideas, discutilas, e conseguir entre todos un documento urbanístico legal e de participación, que represente un orgullo para todos. Xa o di o refrán: vísteme de vagar, que teño présa.