Regreso ao pasado (segunda parte)

Lino M. Doporto

DEZA

17 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ocurto período de aplicación do Plan Xeral de A Estrada, recentemente suspendido de maneira cautelar pola Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, serviu aos estudios de Arquitectura para pulsar a tendencia no ámbito de unha posible, aínda que tímida, recuperación económica.

Nestes escasos seis meses puidemos apreciar o interese, basicamente por parte de familias xoves, de construír un novo fogar, xeralmente nas inmediacións das súas familias. Isto supón o arraigo de poboación nos núcleos e no propio concello. Non menos importante é a xeración de dinámicas socio-económicas das que é de esperar consecuencias beneficiosas para o entorno máis próximo: estas construcións, polo seu tamaño e características, de xeito similar ao que acontece no ámbito da rehabilitación, son principalmente levadas a cabo por pequenas empresas locais ou cercanas, que xeran emprego e son a base dunha economía sustentable, co que se favorece a recuperación da normalidade do tecido socio-económico local; posto que non se pode negar que o sector da construción segue sendo un dos máis castigados pola crise crediticia dos últimos anos. Por suposto, non entendemos por normalidade o que aconteceu nos primeiros anos do milenio.

Referímonos a esta situación porque os desenvolvementos urbanísticos dos ámbitos de solo urbanizable ou urbano non consolidado non parece que vaian ser inmediatos no tempo a medio ou curto prazo, poden esperar a tramitación debida. Porén, pensamos que os ámbitos dos núcleos rurais, non delimitados ata o de agora e por tanto non habilitados para poder construír, serán os grandes prexudicados, xunto cos seus propietarios.

Lamentablemente, esta incipiente dinámica verase truncada de xeito inmediato e por un período de tempo indeterminado, a expensas do que finalmente dite o TSXG. Segundo este acorde repetir o acto administrativo de aprobación definitiva polo conselleiro, ou ben acorde retrotraer a tramitación do Plan Xeral ao punto no que determine que se produciu algunha falla na tramitación, podemos falar de entre uns meses e uns anos, co que estas xoves familias poden esperar ou non. Mentres tanto, regresamos ao pasado por segunda vez en poucos anos, ás normas do ano 1978.

Por tanto, pensamos que a noticia non é boa, non só para os estudios de arquitectura, que estamos a sufrir como tantos outros esta crise, senón para o conxunto da poboación do Concello e o seu castigado tecido socio-económico.