«Parto de cero como todos, non lle vou pedir nada a Espiño»

P. V. LALÍN /LA VOZ

SILLEDA

José luis Tejo, na mesa do goberno de Silleda no 2001.
José luis Tejo, na mesa do goberno de Silleda no 2001. m. míguez< / span>

¿Mal con Roucho?: «Eran faladurías non se confiaba en min e marchei»

10 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

José Luis Tejo Cuíña, aos seus 58 anos, retorna á primeira liña da política chamado polo novo presidente do PP, José Luis Espiño. Nomeárao Juan Salgueiro no 87 alcalde pedáneo de Taboada e no 91 levouno como concelleiro de Urbanismo ata o 99, que se retirou Salgueiro, e ata o 2002 con Fernández (Roucho). Neste grupo de goberno dimitiu sen acabar a lexislatura e con distanzamento pese a que non aviva o lume da historia.

-¿Sorpresa pola chamada?

-Si. Falabamos, somos amigos pero eu non contaba, non tiña nin idea ata a última semana.

-Foi a única conexión no cambio de Salgueiro a Fernández (Roucho) pero acabaron mal.

-Eran faladurías da xente. Eu xa non quería repetir... e non me gusta falar do pasado.

-Pero o seu silencio político durou toda a etapa de Roucho.

-Si, pero marchei do goberno sen facer ruído nin molestar, non se confiaba en min e optei por retirarme.

-¿Chegou a pensar que se acabara a súa etapa política?

-Si, non tiña pensado volver, aínda que recoñezo que me gusta a política, tratar coa xente. Pero non me apetecía, non quería volver. Pero chamoume Espiño e vou ir a traballar, verei que podo facer pero intentarei non defraudar a ninguén.

-Pero Espiño xa dixo que pretende darlle un papel relevante.

-Non sei aínda que papel me quere dar, non falamos pero eu non vou pedir nin esixir nada. Parto de cero como todo o mundo, traballar e o que el me diga.

-A mensaxe é aglutinar as familias do PP silledense...

-Si ímolo intentar, é unha idea do presidente. Trataremos de recuperar aos que se foron, manter os que están e incrementalos se é posible. Pero non sei de familias, hai moito tempo que non estou. Haberá que ver se os que que se foron non están por ideas ou por descontento, haberá que coñecer as situacións.

-Escápalle á confrontación pero dígame se a saída de Roucho do foco político pode contribuir a aglutinar o partido.

-Descoñezoo. Non podo dicir nada porque non sei se saíu do foco político.

-Ten aspiracións políticas?

-Ningunha. Coa chamada para o comité síntome xa agradecido.

-Como veterano, ¿non pode ser prematuro situar xa a Espiño como alcaldable?

-Por unha parte pode ser pronto, se miramos os tempos do candidato ás europeas. Pero por outra dáse máis a coñecer, entra máis na sociedade. Son dúas variables pero cando os dirixentes o din así é que están contentos co traballo e consideran que é persoa válida.

-Pero sabe que Silleda é especial, que hai quen se postule.

-Si sempre foi de postularse moitos pero non de dar o paso a última hora. É máis ben ruído.

-¿Recuperará o PP a alcaldía?

-Esa é a idea e a encomenda do secretario xeral. Nós imos traballar para conseguilo.

José Luis Tejo Cuíña Histórico do PP recuperado polo presidente para o comité local

«Pode ser pronto para avanzar a Espiño candidato pero tamén é por ser persoa válida»

«En Silleda hai sempre moitos que se postulan a alcalde pero é máis ben ruído»