O desfile do Cocido manten ás axudas e os premios ás carrozas

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O desfile arrancará da Bos Aires, coma todos os anos, e percorrerá as principais rúas lalinenses.
O desfile arrancará da Bos Aires, coma todos os anos, e percorrerá as principais rúas lalinenses. m. souto< / span>

O concello aportará unha subvención de mil euros aos colectivos que elaboren recreacións etnográficas ou actuais

06 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Un dos atractivos da Feira do Cocido de Lalín continúa sendo o desfile que percorre todos os anos as principais rúas da vila, e que ten o seu pistoletazo de saída xusto ao rematar a lectura do pregón no palco de autoridades. É momento para tomarlle o pulso á entrada do Antroido, que non tardará en asomarse, e ollar o traballo e o inxenio dun bo puñado de colectivos da zona que pugnarán, un ano máis, por facerse co primeiro premio. Un desfile, nesta vindeira 46 edición, que manterá o guión de anos atrás e que irá intercalando no seu percorrido bandas, charangas, carrozas e comparsas pero que tamén presentará algunha novidade. «Téntase traer sempre a algunha comparsa ou charanga nova, que nunca estivera na feira. Nese senso, o vindeiro 23 de febreiro, visitantes e lalinenses poderemos ver a Comparsa Folión da Veiga, que nunca estivo por aquí, Os Miúdos de Arcade e voltarán os integrantes da agrupación Santiago Apóstol de Pamplona; que sempre que poden se desprazan ata Lalín para asistir aos actos do cocido», sinalan dende a organización. Un amplo desfile que reunirá, nesta edición, a dezaséis formacións musicais e nove carrozas. Volta a ser especialmente significativo o feito de que só participe unha cooperativa no apartado de carrozas. «Xa sucedeu así o ano pasado e débese a que o traballo para armar unha carroza é moito e cada vez hai menos xente para botar unha man. Malia todo se manten a participación de colectivos que veñen sendo habituais ano tras ano como é o caso das asociacións de Santa Mariña de Pescoso, Veciños de Rodeiro e de Losón, cabaleiros do Deza e de Lalín, Escudería Lalín Deza, Geriatros e A Carballeira de Cercio».

Unha edición a piques de celebrarse na que, segundo a organización, se manterá a cuantía das axudas e dos premios. «Coma en anos anteriores se lles dará mil euros ás agrupacións que fagan unha carroza para axudarlles a sufragar o material para construila e os premios ás mellores recreacións etnográficas ou actuais que se presenten no desfile, e entren a concurso, percibirán entre 1.300 euros -que se otorgará ao primeiro clasificado- ata os 500 euros do último. Dende a organización sabemos do esforzo que supón o facer as carrozas e xa nos gustaría poder incrementar a cuantía das axudas e dos premios pero o momento económico non o permite. É un tema que está aí pendente».