Helena Salgueiro Gestuda no IES Antón Fraguas de Santiago e xa logrou varios premios literarios. Onte mostraba a súa satisfacción polo Avelina Valladares, debido a categoría do certame.
-¿Que a animou a participar?
-Os meus pais, pero non estaba moi segura. Estiven a piques de non presentarme...
-Foi entón no último momento...
-(Sorrí). Si, foi a ultimísima hora. Correos xa pechara e tiven que chamar aos meus pais e leváronme a El Corte Inglés para facer o envío dende alí. Estaba a piques de pechar ,quedaban só cinco minutos.
-Gañou xa outros premios literarios, ¿que supón o Avelina Valladares de diferente?
-É moito máis importante, porque o resto eran a maioría escolares. A parte diso, ten bastante significado para min, a parte dos motivos persoais, porque estiven traballando moito para estes poemas.
-¿Foron feitos especificamente?
-Non. Xa os tiña escritos e despois entereime do premio e presenteime. Empecei a escribir o poemario en setembro-outubro, foi pouco a pouco.
-¿Cando empezou a súa paixón por escribir?
-Xa dende pequena escribía sonetos moi afectados. Pero en serio, o ano pasado, porque foi cando empecei a descubrir a literatura galega, os poetas.
-¿Por que optou pola poesía?
-De sempre, a hora de ler, me gustou máis a poesía. Parecéceme que expresa máis, que tés máis liberdade de expresarte ti mesma que en prosa.
-¿Cal é a temática do poemario?
-O tema principal é o amor pero tamén trato un pouco o tema do maltrato. É de temática social, pero eu vexo máis íntimo, dende a perspectiva da muller maltratada non dende o punto de vista exterior. Non adoito a escribir de outras temáticas que non sexan o amor, pero porque aínda son moi nova, aínda me queda moito.
-¿Entón ve posibilidades dedicarse a escribir?
-Adicarse un a literatura paréceme bastante difícil polos tempos que corren, creo que é imposible. Vexo máis como un «plan B», pero é o que realmente me gusta. Teño pensado tamén estudar Arte Dramático en Madrid.
-Este premio, ademais, ten dotación económica, 2.000 euros. ¿Xa pensou en que os vai gastar?
-Teño pensado aforralos para o futuro, non penso gastalos pola de agora.