Carboeiro mesturará arte o día 2

M. garcía LALÍN / LA VOZ

DEZA

Música, artesanía, xogos e o calzado de protagonistas nos Encontros

20 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Os Encontros de Música Tradicional de Carboeiro chegarán o vindeiro día 2 de xuño a súa 13ª edición repetindo unha fórmula que os converte en referentes ano a ano: música, artesanía, xogos populares e exposicións. Este ano, a Asociación Intercultural Santa Ferreña apostou por darlle protagonismo ao calzado. Así, incluirá a exposición Na punta do pé de calzado tradicional acompañada polos títeres do Museo da Marioneta, ademais de conversas sobre os zocos. Para este apartado, desde o colectivo destacan que contarán co asesoramento da casa do zoqueiro de Merza (Alfonso e Helena Ferro), e de Luís Prego, investigador de patrimonio inmaterial.

O colectivo deu ante a coñecer a programación. Os actos abriranse as 13.00 horas coa sesión vermú a cargo dos grupos da bisbarra. Será tamén cando saia en procesión a Santa Ferreña -previa poxa polas andas- acompañada polos cabezudos de Viravolta. Desde o colectivo recordan que estas actividades son posibles «grazas a colaboración desinteresada de todas aquelas persoas que queren manter vivas a festa e a cultura tradicional».

Non faltará no programa a feira de artesanía dende primeira hora con produtos como instrumentos tradicionais, coiro, prata, xoias, abelorios ou cosmética natural.

O xantar popular constará de empanada, carne ao caldeiro, larpeira, pan, viño/auga, café e gotas. Dende Santa Ferreña xogan para o prezo co número de edicións do evento. «O prezo, acorde tamén coa vontade de rirse da superstición (e da crise), será de 13 euros», explicaron. Pola tarde, haberá xogos tradicionais para cativos e maiores con Itaca e Xandobela, a participación de Celsiño F. Sanmartín co «Lingua que baila». Tamén se incluirán visitas guiadas ao mosteiro con Tesouros Novos, ademais de conversas sobre os zocos e zocas na sala de exposición. A presenza de este protagonismo do calzado explícano dende Santa Ferreña da época de cando os zapatos se gardaban «coma ouro en pano» e mesmo se pintaban os zocos para que parecesen zapatos. Despois, o lema da festa, «foliada ata que o corpo aguante».