Agosto apura as súas últimas citas gastronómicas

Santa Mariña de Pescoso celebra esta noite a festa «Mar e monte», e Donsión a «Festa da lata»


lalín / la voz

Agosto é por tradición un dos meses que máis citas gastronómicas congrega no ano. As festas da tortilla, en Laro, a empanada en Bandeira, ou o xamón en Bermés, son algunhas das sinaladas no calendario, que coa chegada da última fin de semana do mes, duplica as posibilidades. Esta noite a parroquia de Santa Mariña de Pescoso (Rodeiro) celebrará a oitava edición da súa festa «Mar e monte», mentras que Donsión (Lalín) festexará a «Festa da lata» por décimo ano.

A Asociación Cultural e Deportiva de Santa Mariña de Pescoso está á fronte da festa «Mar e monte», unha proposta gastronómica que terá lugar no campo da festa e que ten como protagonistas os mexilóns á vinagreta, os torresmos e os chourizos que se servirán.

Conscientes de que os tempos non son bos para a economía, os organizadores apostaron por «prezos anticrise» para animar a veciños e visitantes a que acudan. Cada prato custará un euro, e os grupos poderán facer unha reserva previa de mesa abonando 20 euros. Na edición de 2010, sinalan dende a organización, servíronse arredor de 400 quilos de mexilóns, preto de 50 de torresmos e outros tantos de chourizos. Para este ano confían en repetir a afluencia de público. A orquestra Stereo e os músicos locais Os Varacuncas amenizará a noite, xunto con dous pinchadiscos.

Mañá continuarán na parroquia as festas na honra da Virxe do Carme, cunha programación que inclúe misa cantada ás 13.30 horas, e a sesión vermú con Repóker, que compartirá a verbena con Solara. Haberá tamén un torneo de fútbol-7 Cidade de Saa. O domingo haberá misa ás 13.30 horas e a formación Ría de Vigo amenizará a sesión vermú e a verbena.

Festa da Lata

A «Festa da Lata» da parroquia lalinense de Donsión acada a décima edición con 150 comensais dispostos a degustar os mexilóns, as sardiñas e o polbo á feira que inclúe o menú. A orquestra Trole será a encargada de amenizar a noite, preludio das celebracións na honra a San Juan Degollado, que terán lugar na fin de semana. O dúo Nueva Era e o trío Nostalgia amenizarán a xornada de mañá, na que haberá misa ás 13 horas. O domingo, además dos oficios relixiosos previstos para as 13 horas, actuará o dúo Nebraska.

Votación
1 votos
Etiquetas
Gastronomía Vigo ciudad Lalín Ría de Vigo Rías gallegas Comarca de Vigo Comarca do Deza