«Impactoume que houbera cinco poetas medievais»

A profesora lalinense de lingua e literatura galega acaba de rematar o seu primeiro libro, que está editado por Fervenza


Chegará ás librarías da zona, en breve, a primeira obra de Gracia Santorum López: Dicionario de escritores de Deza.

-¿Como xurde este libro, este interese polos escritores desta comarca?

-Foi un encargo que me fixo o propio Xosé Luna, de Edicións Fervenza. Resulta que publicaron un libro sobre os escritores de Tabeirós e estaban interesados en facer o mesmo cos de Deza. Luna pensou na miña persoa para levar a cabo este traballo, e aquí está.

-¿Despois de canto tempo de recompilación e búsqueda de datos?

-Tres anos. É certo que no primeiro ano non fixen moita cousa xa que estiven moi centrada no proxecto de biblioteca do centro pero os dous anos seguintes foron de traballo. Teño que agradecer a axuda que me brindou Manuel Igrexas, foi quen me aportou os datos de moitos escritores represaliados. Foron persoas que non escribiron libros pero sí publicaron artigos en xornais da época. Tiven que botar man de revistas, artigos e funcionou tamén moito o boca a boca. Escritores cos que eu falei me aportaron novos nomes e así ata chegar aos 76 escritores de Deza que figuran neste libro. Por certo que destes 76 só hai 12 mulleres.

-¿Que foi o que máis lle impactou deste traballo á hora de facer as pescudas?

-Impactoume que houbera cinco poetas medievais nesta nosa comarca. Non menos importante é o feito que o astrónomo Ramón Aller publicara oito ensaios en galego. Creo que é moi relevante ese feito como o é tamén que o sobriño do Matemático Rodríguez fora o autor do primeiro dicionario galego-castelán no ano 1863. Chamábase Francisco Javier Rodríguez.

-O prólogo é obra do tamén profesor lalinense Mario Pereira...

-Pedínllo a Mario polo aprecio que lle teño e tamén polo traballo que levamos a cabo na biblioteca.

-¿Mantivo encontros persoais con todos os autores dezaos vivos?

-Con todos os que puiden. A verdade é que todos me atenderon moi ben e algún non tivo ningún reparo en abrirme de par en par as portas da súa casa. Foi o caso de Xosé Neira Vilas e da súa dona, Anisia Miranda, que me atenderon estupendamente en Gres, faláronme dos seus traballos, da fundación, da biblioteca... Foi moi doado contactar con todos.

-O traballo remata dun xeito diferente...

-Péchase cun fragmento de narrativa ou poesía de todos os autores que aparecen na obra.

-¿Para cando outro libro?

-Non se sabe. As portas sempre están abertas.

Votación
3 votos