Medra o interese no rural polos Circuitos Culturais

Amelia Ferreiroa

DEZA

Máis dun cento de actuacións chegarán a 33 das 52 parroquias do municipio lalinense, dende este mes

01 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os Circuitos Culturais voltan un ano máis ao rural. Teatro, proxeccións cinematográficas, contacontos, sesións de títeres e actuacións musicais son as actividades que chegarán a 33 parroquias do municipio de Lalín. O obxectivo desta actividade é, segundo lembrou a concelleira de Cultura Nuria Rodríguez, achegar a cultura ao máximo número de lalinenses. Os Circuitos Culturais no Rural están acadando cada vez máis protagonismo. «Nótase no número de parroquias que están interesadas nalgunha actuación que habitualmente coincide con con algunha festa pequena que fan na parroquia: un magosto, o Entroido...».

En total son máis dun cento de actividades as que se levarán a cabo, e correrán a cargo de grupos radicados en Lalín. «Iso tamén é importante salientalo xa que tamén promocionamos as agrupacións coas que contamos no termo municipal», puntualiza Rodríguez Carral.

Só tres parroquias solicitaron contar cun ciclo de cine: Cercio, Prado e Vilatuxe que xa disfrutaron deste tipo de actividade noutras ocasións. Por outra banda son dezaoito as formacións lalinenses que se desprazarán coas súas representacións ao rural lalinense. Trátase dos grupos musicais Ailola, Charanga Leda Mandeu, Os Trasnos de Doade, Roxedoiro e Os Xuncos. Participa tamén nos Circuitos Culturais no Rural Seisdedos-Viravolta, Fantoches Baj ademais de contacontos, de Beroila, We are the champiñóns, Vaiósbiosbardos Teatro, Oh D'Lacón Teatro, Capicúa Teatro, Eutavín de Vilatuxe, A Pedreira de Palmou, Peixes de Culores, Teatro Secundario e Cine Galicia -que se encargará de realizar as proyeccións cinematográficas-. Todas as actuacións se desenvolverán dende o presente mes de marzo, e abranguen distintos lugares de celebracións: centros sociais rurais, pavillóns das parroquias, museo municipal e tamén as igrexas das parroquias.

As datas e o tipo de actuación é decisión da parroquia solicitante, segundo comenta Nuria Rodríguez. «En cada zona hai un responsable que propón datas e tipo de actividade que desexan ter. Logo o comentan cos responsables da coordinación dos circuitos, que son Cecilia Doporto e Paío, e se procura mandarlles o que queren e nas datas en que teñen a festa na parroquia. Cando falo de festa, non é a festa parroquial senón un festexo máis cativo».

Os Circuitos Culturais no Rural están organizados pola concellería de Cultura e contan coa colaboración da Fundación Caixa Galicia e da Deputación de Pontevedra.