A Fundación Neira Vilas apoia a Feira do Libro da Habana 2008

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

A Consellería de Cultura coordina a Feira do Libro da Habana, que se adicará a Galicia. Está patrocinada pola Fundación Neira Vilas, Consello da Cultura e os Escritores en Lingua Galega

11 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A Fundación Neira Vilas segue a ser un constante ruxe ruxe de actividade. Cos primeiros días de verán comezou a multiplicarse a concurrencia de cativos á biblioteca da fundación cruceña. A explicación pode atoparse axiña nos dous ordenadores con acceso a internet cos que conta o centro ou os miles de volumes que atesoura a biblioteca, ate alcanzar a nada despreciable cantidade de 8.600. De feito, xa non se dispón de espazo suficiente para moitos libros máis e moitas das caixas que van chegando á fundación de Gres ateigadas de novas publicacións van a parar a outros centros. Ás bibliotecas públicas de Boqueixón, Touro, Vila de Cruces e ao Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira xa se derivaron varios volumes, e o mesmo sucede con todas aquelas pezas antigas que chegan con destino ao museo etnográfico da fundación. O centro cruceño está a traballar tamén na creación dun centro de documentación da comarca dezá. Actualmente, e a pesares de que a iniciativa aínda é nova, xa conta con máis de sesenta documentos que fan referencia a aspectos relacionados co patrimonio natural e arquitectónico. O que se pretende con este centro é, según Xosé Neira Vilas, atesourar na fundación aqueles documentos que nas casas acabarían por perderse e que neste centro estarán á disposición de todos aqueles historiadores que queiran estudalos. Unha fonte documental que abrangue distintas informacións sobre a resistencia local ante a invasión das tropas napoleónicas, o mosteiro de Camanzo, castros... Non faltan tampouco testamentos, partillas, doazóns e compravendas de casas e de terras. Documentos, algúns, ben antigos xa que datan do século XVIII. O presidente da Fundación Neira Vilas convida aos cidadáns a que realicen as doazóns oportunas de documentos antes de botalos ao lixo, para que toda a historia da comarca permaneza viva. O centro xa contou con varios colaboradores á hora de aportar información caso de Víctor García Piñeiro, veciño de Gres que vive en Camanzo, e do investigador coruñés Xosé Ignacio Mouzo Lago. Os interesados en doar algún documento poderán facelo de luns a sábado na propia biblioteca da fundación, en horario de 6 a 8 da tarde. A piques está o centro cruceño -que xa conta con páxina web- de convocar unha nova edición do Premio Arume de Poesía que se promove cada dous anos en alternancia co Premio Estornela de Teatro. O centro tamén se sente especialmente implicado na Feira do Libro da Habana 2008, adicado a Galicia, e que tamén copatrocina.