Céltiga e Vilalonga pechan a primeira volta enganchados arriba

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

Os dous equipos buscan reforzos na procura do seu obxectivo compartido: a volta á Terceira

15 ene 2015 . Actualizado a las 04:58 h.

A Liga de Preferente Autonómica Sur pechou o seu primeiro acto o pasado domingo. Fíxoo co Céltiga e co Vilalonga fóra dos dous postos de ascenso directo á Terceira División, aos que aspiran ao termo do campionato. O cal non significa que o retorno á ansiada categoría de ambos conxuntos pareza a día de hoxe xa inalcanzable, nin moito menos, figurando no grupo de dez aspirantes ao gran salto nunha Liga do máis aberta.

Sétimo clasificado con 31 puntos, o Céltiga cruza o ecuador da tempada a 10 puntos do Portonovo, sólido líder e o único equipo que está a marcar as diferenzas ata o momento. Descontado este, o cadro illense atópase a 5 puntos do segundo, o Barco, a 4 do terceiro, o Verín, e a 3 do Lalín, cuarto. Os dous últimos, en postos de acceso a sendas eliminatorias con dereito ao ascenso á Terceira en función do número de equipos galegos que puideran dar o salto á Segunda B a comezos deste verán.

A aposta por Ramiro Sorbet, técnico con varias experiencias exitosas previas noutros clubes, comezou ilusionando no Salvador Otero. Tras a derrota na xornada inaugural co CD Estradense, 1-2, o Céltiga encadeou once xornadas sen perder, con media ducia de triunfos e cinco empates que lle permitiron chegar a situarse segundo na táboa tras o Portonovo. A goleada en contra encaixada no Barco, a mediados de novembro, 6-0, torceu as cousas, entrando o colectivo arousán nunha fase de inestabilidade.

Sustituír a Yago Martínez

Así as cousas, o vicepresidente do Céltiga, Manuel Dios, Martiñán, comentaba onte que «facendo as cousas non moi ben, estamos a 4 puntos» da zona nobre, «que non é nada», salientando ademais as numerosas lesións padecidas desde o verán. E inda que sostén que «o ascenso non é primordial», o directivo ratifica que «a nosa meta é estar arriba».

Con tal fin, os responsables do club están moi atentos ao que poida ofrecer o mercado. Sobre todo desde que dan por feito que Yago Martínez, mediapunta titular e home importante no esquema de xogo de Sorbet, será con case toda probabilidade baixa para o resto da tempada por unha hernia. Un dianteiro e un xogador de banda esquerda son o obxectivo do Céltiga, que ademais prevé dar algunha baixa nos vindeiros días entre os seus actuais 21 efectivos.

Tamén no Vilalonga buscan un reforzo. No seu caso, un mediocentro. Con el, e tras o troco de adestrador, con Antonio Fernández colgando as botas en decembro para sustituír o destituído Óscar García, os responsables do club celeste confían en poder remontar os 6 puntos que desde a súa décima praza na clasificación o separan do segundo, o Barco.

Foi no Barco, precisamente, onde Antonio collía de maneira provisional o conxunto tras a marcha de García. El asume a responsabilidade do equipo desde o partido seguinte, encadeando tres triunfos cortados o pasado domingo no campo do Atios. As dúas claves para Antonio son «conseguir ser regulares, e mellorar a nosa efectividade cara ao gol», despois dunha primeira volta na que o Vilalonga desperdiciou multitude de tantos cantados.