O Arousa esquiva unha sanción polo incidente da auga verquida ao árbitro

Vilagarcía / La Voz

FUTBOL GALLEGO

A Xuíza Única de Competición obvia o caso no seu fallo semanal

05 nov 2014 . Actualizado a las 10:18 h.

A directiva do Arousa podía respirar onte tranquila a primeira hora da noite. A Xuíza Única de Competición da Terceira División decidíu non castigar o Arousa polo apuntamento do colexiado lugués Leiras Martínez no anexo da súa acta o pasado domingo, na que informaba de que ao termo do encontro de Liga coas Pontes no campo da Lomba un afeccionado verquera auga sobre a súa cabeza e os seus ollos á altura da boca de acceso aos vestiarios. Desde a Federación Galega de Fútbol informaron onte de que a única sanción imposta esta semana relacionada co mencionado partido foi a dun encontro de suspensión ao xogador arlequinado Iago Pérez por acumulación de amarelas.

O presidente do Arousa, Manolo Abalo, manifestou a súa enorme ledicia pola nova. E é que ademais de dar por feito ata onte que o incidente coa auga lle ía acarrear un castigo ao club, descubríu que o autor do acto está profundamente arrepentido.

Identificado o exaltado, comenta Abalo, grazas á colaboración dos socios, onte «estiven con el. É un arousista desde a tempada pasada e está moi apenado e doído. Non sabía como desculparse». O mellor que saca o mandatario do suceso é que «a xente está comprometida co club, e ante a posibilidade de que lle caia un castigo houbo moitas chamadas, e tamén moita xente me parou pola rúa para darme información» sobre a identidade do autor do incidente.

«Eu entendo que isto non debera causar suspensión do campo. Foron dúas pingas de auga dun botellín. Claro que non debe repetirse», zanxa Abalo.

O Concello, sen proposta firme

Noutra orde de cousas, sobre o desexo do Arousa de elevar os banquiños á primeira fila da grada, evitando de paso que os afeccionados poidan achegarse ao túnel de vestiarios, desde o Concello de Vilagarcía explicaron onte que esta foi hai meses unha proposta informal, non firme, do club á Fundación de Deportes.