Preocupación no Ribadumia ante a praga de lesións musculares

vilagarcía / la voz

DEPORTES

O equipo comezou onte a traballar coa vista posta no partido ante o Vilalbés do próximo sabado

28 oct 2014 . Actualizado a las 11:55 h.

Primeiro foi Sylla. Logo Changui. E onte á noite o corpo técnico do C.D. Ribadumia agardaba coñecer o alcance da lesión que o domingo obrigaba a Pacheco a pedir o troco no derbi fronte ao Xuventude Sanxenxo no minuto 80 de xogo.

O caso do lateral dereito é, como o dos dous puntas do conxunto de Gabi Leis, de natureza muscular. De aí que a directiva do club aurinegro, a través do seu vicepresidente e voceiro, Manuel Mougán, amosara onte a súa preocupación polo encadeamento de baixas do mesmo corte. De feito, os outros dous substituídos por Gabi Leis no choque de rivalidade co Sanxenxo, Nelo no descanso e Martín no minuto 84, tamén tiveron que dicir basta por precaución. Unha situación esta que forzou o técnico da Senra a rematar o choque cos seus catro centrais sobre o céspede, a falta de máis recambios no seu curto plantel, mermado polos k.o. de media duración de Sylla e de Changui.

Así as cousas, Mougán manifestou onte que «lle transmitimos a Gabi Leis a nosa preocupación por todas estas lesións musculares, e que haberá que analizar o motivo ou motivos, para tratar de corrixilos».

Pola súa banda, Leis recoñece que a praga muscular «non é moi normal». Dito isto, o técnico apuntou que «terei que falalo co noso preparador físico, Félix. Ao mellor é algo que non estamos a facer ben, ou ao mellor é simplemente casualidade».

Partido o sábado, sen Adrián

O Ribadumia comezaba onte a súa semana de traballo coa vista posta no partido que o levará ao feudo do Racing Vilalbés. Un choque fixado para o sábado, e no que Leis perde por acumulación de tarxetas o central Adrián. Iso si, poderá contar con Bisti de volta tras o seu partido de sanción.