O Liceo cae co E. Otero nun axustado 3-4 xogando cun neno de 11 anos

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

MARTINA MISER

O equipo vilagarcián aliñou a Pedro Castro para cubrir a baixa de Eduardo Barreiro

28 oct 2014 . Actualizado a las 04:52 h.

O Establecimientos Otero impúxose o pasado sábado 3-4 no primeiro dos seus dous derbis da tempada de División de Honra fronte ao Liceo Casino. Fíxoo a domicilio, e cunha enorme vantaxe de partida. Porque antes sequera de ver botar a primeira bola do encontro, a aliñación do conxunto vilagarcián aseguráballes aos homes dirixidos por Ñajo Padín dous puntos en xogo.

O responsable técnico do Liceo Casino, Antonio Castro, decidíu cubrir a baixa de Eduardo Barreiro, cunha rotura de fibras, co xogador de 11 anos Pedro Castro.

O propio Antonio, pai do neno, explicaba onte a decisión. «Los jugadores del segundo equipo del club teníamos dos partidos importantes en Vincios» de cara ao reto do club de devolver o plantel á Segunda Nacional. «Sabíamos», continúa Castro, «que pusiésemos a quién pusiésemos, íbamos a perder los puntos que jugase con Cambados, por lo que decidimos llevar a un chico de uno de los equipos que no tenían partido esa semana, porque la normativa prohíbe disputar al mismo jugador encuentros de dos categorías distintas la misma jornada». Foi entón cando xurdíu o nome de Pedro, no cuarto plantel do club, a quen seu pai cualifica de maior promesa da canteira liceísta.

A Pedro tocoulle abrir o derbi, co potente xogador andaluz Guillermo Sánchez coma rival, e loitar polo cuarto punto do choque fronte a Fernando Padín. Os resultados, idénticos 3-0. «Lo hizo muy bien», valora Antonio Castro a actuación do inda infantil.

Polo demais, o Liceo obrigou o E. Otero a aplicarse, e erguer un desfavorable 3-2 ante os triunfos de Andrés Correa sobre Padín (3-2), e de Sergei Nigeruk a costa de Santosh Araswilli (3-2) e de Sánchez (3-2). Araswilli sentenciou impoñéndose no sexto e derradeiro duelo individual, 1-3 contra Correa, e no dobres co mesmo tanteo en parella con Sánchez e diante do dúo Nigeruk-Correa.

O adestrador do E. Otero, Ñajo Padín, amosaba onte a súa satisfacción pola actuación dos seus homes, e salientou o feito de que Araswilli chegara a dispoñer dunha bola de partido fronte a Sergei Nigeruk.