O XAV reclámalle ao Concello de Cambados un lugar onde poder adestrar

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O retraso nas obras do instituto Cabanillas deixa sen pavillón de traballo as xuvenís e séniores

23 oct 2014 . Actualizado a las 04:58 h.

«Xa non sabemos que facer. Bótasenos a Liga enriba, e nin as xuvenís nin o primeiro equipo teñen onde adestrar». Así concretaba onte a adestradora e directiva do XAV Cambados, Mariel Oubiña, o gran problema que ten entre mans o único club de voleibol da bisbarra arousá. Un problema xurdido do lamentable estado do pavillón de deportes do instituto Cabanillas, o recinto que tradicionalmente serve de lugar de traballo diario a unha entidade que esta tempada conta cunhas 90 rapazas e mulleres, repartidos en sete equipos federadas entre a categoría máis nova, a benxamín, e a absoluta ou sénior.

«Estamos fatal. Non temos onde adestrar» ante a falta dunha alternativa por parte do goberno local encabezado desde a Alcaldía por Luis Aragunde, denuncia Oubiña. A directiva do XAV explica que ante o anuncio das obras no pavillón do Cabanillas «tivemos unha primeira xuntanza co alcalde no mes de maio. Daquela díxonos que se ían facer obras no pavillón do instituto, e que estaría dispoñible en outubro. En agosto o alcalde dixo que as obras comezarían en outubro, e que poderiamos voltar ao pavillón en xaneiro. Pero as obras non arrincaron, e polo que lemos na prensa, non comezarán ata o Nadal, co que nos pasaremos toda a Liga sen onde adestrar». Para ser precisos, sen un espazo asegurado no que poidan traballar entre semana os planteis xuvenil e sénior.

E é que, desvela Mariel Oubiña, vista a falta de resposta desde o goberno municipal o club conseguíu recolocar este mes os seus cinco equipos inferiores, desde benxamín ata infantil, no pavillón do outro instituto cambadés, o Francisco Arorey. «O problema é que o centro pecha ás 20.30 horas, co que o equipo xuvenil e o sénior non teñen onde adestrar».

Comezaron a facelo a mediados de agosto, e polo momento seguen a trampear no propio pavillón do instituto Cabanillas aproveitando que as obras semellan inda lonxe de iniciarse, e que non houbo moitas xornadas duras de choiva. Porque cando as hai, «é máis perigoso estar dentro cá fóra do pavillón», sinala Oubiña, «polo chan mollado, e polo temor a un calambrazo coa auga caendo sobre o alumeado». Así perderon moitos días de traballo a tempada pasada, e catro no que vai desta.

Ante esta situación «nós o que pedimos é un oco no pavillón do Pombal», no que xa xogan todos os equipos do XAV os seus partidos. Así llo reclamarán a Luis Aragunde nunha terceira xuntanza pendente inda de data.