O Sigaltec estréase na Primeira Autonómica con derrota ante Ourense

Vilagarcía / La Voz

OURENSE CIUDAD

O cadro vilagarcián pagou a súa mala segunda parte

22 oct 2014 . Actualizado a las 04:58 h.

O baloncesto vilagarcián vivíu a pasada fin de semana o seu primeiro partido en moito tempo na Primeira Autonómica, a categoría inmediatamente por debaixo da EBA. Un Sigaltec Liceo BBC recén chegado caía derrotado 48-62 a mans do Universitario Campus Ourense, nun encontro no que os homes de Diego Doval pagaron a súa pésima segunda parte.

De feito, o Sigaltec protagonizara un gran inicio de choque. Cunha boa circulación do balón e un grande acerto desde a liña de tres puntos o cadro laranxa foise sete puntos arriba no descanso, 30-23.

A partir de aí a boa defensa vilagarciá resultou insuficiente ante o colapso de ideas en ataque, servíndolle en bandexa o triunfo ao Campus Ourense. Peaxe dun proxecto que mantén as doce pezas do ascenso, máis tres xogadores pontevedreses dispostos a poñer 180 euros como os seus compañeiros para compartir os gastos de competición do equipo. O obxectivo, comentaba onte o seu adestrador, eludir os tres postos castigados co descenso nunha competición de doce clubs.

SIGALTEC LICEO BBC: Javi Patiño (17), Alberto, Damián (2), Borja (7) e Víctor (4) -quinteto titular-; Nacho, Lyttle (4), Álex Tarrío, Sergio (2), Rodrigo (8) e Will (4)

UNIVERSITARIO CAMPUS OURENSE: Feijóo (4), Leis (18), Pérez (2), Noguerol (7) e Iglesias -quinteto titular-; García (14), Rodríguez (2), Silva (11) e López (4)

Parciais (e marcador) cada cuarto: 15-13, 15-10 (30-23 ao descanso); 6-15 (36-38) e 12-24 (48-62 resultado final).

Árbitros e persoais: Iglesias e Seijo. Sinaláronlle 21 faltas ao Sigaltec, por 14 ao Universitario Campus Ourense.