O Xuven escala un posto pese a pinchar con Marín

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

Satisfacción no club cambadés pola resposta a nivel de público no derbi

21 oct 2014 . Actualizado a las 04:56 h.

Paradoxos dunha clasificación con número impar de equipos, e un deles obrigado a descansar cada semana de competición, a derrota do Xuven Cambados o pasado sábado no pavillón do Pombal fronte ao Marín Peixe Galego reflectíuse na táboa da Liga de LEB Prata co ascenso nun posto do cadro dirixido por Yago Casal. Así, ao termo da terceira xornada o equipo arousán escala da novena á oitava praza, cun balance negativo dun triunfo e de dúas derrotas, ambas na casa e por axustadísimas desvantaxes.

O presidente do club do Pombal, Jorge Castiñeiras, seguía onte dixerindo o pinchazo ante o veciño. «Foron máis listos cá nós, e gañaron», resumíu o mandatario. «Inda que sempre foi un partido axustado, deume a sensación de que eles tiñan máis clara a forma de rematar o partido cá nós. E cando nos cambian a defensa ao final, nós mantemos o equipo que fixera antes a remontada».

Sen posibilidade de remedio no apartado do resultado, Castiñeiras quédase co novo éxito de público aparellado ao derbi no Pombal. O presidente do Xuven calculou nuns 720 os seareiros presentes no pavillón. Unha cifra que, sostén, é moi semellante á do ano anterior, cando o partido non foi televisado.