«Veño con ilusión e para intentar axudar o máximo que poida»

r. pan CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

05 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Marcos Valín Fontao (Guntín, 1987) chega ao CCD Cerceda para cubrir a baixa de Diego López, lesionado no xeonllo. Varias lesións frearon a carreira dun porteiro que chegou a ser terceiro gardameta do Deportivo.

-¿Como afronta esta nova etapa no Cerceda?

-Con ilusión coma sempre. É unha volta a empezar, como me tocou xa bastantes veces. Hai que tomar as cousas con calma e intentar axudar o máximo posible.

-Dúas lesións graves no xeonllo e unha fractura no brazo. Xa é hora de deixar atrás os problemas.

-É unha oportunidade moi boa que me apareceu e agora toca aproveitala.

-¿Sempre confiou en que xurdise unha nova oportunidade?

-Estiven adestrando todos os días cun readaptador. Tiven que cumprir unha sanción que finalizou o mércores por dar de baixa a ficha federativa fóra de prazo. Nese momento xurdiu a opción do Cerceda e non o pensei. É unha pena que sexa pola lesión dun compañeiro, pero hai que intentar axudar.

-A nivel físico, ¿como se atopa?

-Ben, porque non parei de adestrar. En canto ás molestias, son normais despois das lesións, pero non me limitan para nada e hai que convivir con elas.

-¿Como ve esta temporada para o Cerceda?

-É un equipo que leva moitos anos loitando polo ascenso e este ano será semellante. O meu obxectivo é intentar axudalos no máximo posible.

-¿Como foron as condicións da fichaxe?

-Acordamos fichar ata o mercado do inverno. Non falamos nada máis, xa se verá segundo vaia indo a temporada.

marcos valín portero do ccd cerceda