Capelo estará de 3 a 6 semanas de baixa, tras descartarse a rotura do cruzado

Vilagarcía / La Voz

SANTA COMBA

O Arousa fixa un prezo de 10 euros para a entrada do amistoso co Dépor, que serán 5 para os socios; os menores de 16 anos disfrutarán de acceso gratuito ao partido

04 sep 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

Corpo técnico e directiva do Arousa respiran desde a mañá de onte mellor. A resonancia magnética practicada o día anterior no xeonllo dereito de Esteban Capelo na clínica de Jacinto López descartaba unha rotura do ligamento cruzado anterior tan temida no club, e que ameazaba con mandar o dianteiro de Santa Comba, a fichaxe estrela este verán para o ataque arlequinado, seis meses ao dique seco.

Á espera de ver confirmado polo traumatólogo da mutua o primeiro diagnóstico, realizado polo propio Jacinto López, Capelo padece unha elongación do mencionado ligamento, e un pequeno derrame articular. Entre 3 e 6 semanas de recuperación, explicaba onte o preparador físico do Arousa, un Ezequiel Rey feliz pola nova.

Os socios pagarán polo Dépor

Noutra orde de cousas, a directiva do Arousa decidíu cobrar a entrada ordinaria de Liga, 10 euros, no partido amigable que o equipo vilagarcián disputará co Deportivo de Primeira División o vindeiro día 11 na Lomba. Ademais os socios terán que aboar a metade da entrada, 5 euros, presentándoa no acceso o campo xunto co seu carné. Os interesados poden mercar entradas desde xa nas oficinas do club, de 17 a 21 horas. Os menores de 16 anos poderán asistir ao encontro de balde.