A traíña de Amegrove xa está en San Sebastián para a Bandera de La Concha

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

A bancada mexilloeira estrearáse como subcampioa da LGT-A

02 sep 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

«Se nos poñemos a pensar como comezamos o ano, coa cantidade de rapaces que debutaron na Liga Galega de Traíñas, foi un puestazo». Quen así falaba onte era o presidente, adestrador e remeiro da traíña de Amegrove. Un Diego Portela que valoraba o subcampionato colleitado pola súa bancada na máxima categoría do remo galaico de camiño a San Sebastián, onde a tripulación mexilloeira agardaba chegar a media tarde para realizar o seu primeiro adestramento de preparación para a regata clasificatoria da Bandera de La Concha -o xoves, en formato contrarreloxio, con 24 barcos e sete prazas en xogo para a final-.

Portela lembraba que Amegrove subíu esta tempada a media ducia de rapaces da canteira á traíña, que tras a lesión de Isaac e a marcha por razóns laborais de Alberto Casas, quedou limitada a 16 remeiros máis os patróns. «Isaac e Casas eran dous homes que nos ían dar aire ao final da tempada. Temos a sorte de ter oito tíos veteráns, moi comprometidos, e rapaces moi serios», subliñaba o adestrador mexilloeiro de camiño a San Sebastián. Con eses ingredentes, e «cun bo ambiente e traballo», Amegrove conseguíu o subcampionato ligueiro, que lle permitirá aspirar un ano máis ao gran salto á ACT. Será o día 20 en Portugalete e o 21 en Bermeo, con Astillero, Getaria, Zumaia e Samertolameu aspirando a dúas prazas.

Logo de facer noite en Noja, cara onde se dirixíu nada máis completar a Bandeira da Mariña, a expedición de Amegrove ten previsto facer dous adestramentos hoxe e un mañá pola tarde antes da contrarreloxio do xoves.