Mecos e Vilaxoán pechan a tempada cun sabor agridoce

La Voz

FIRMAS

02 sep 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

Mentres a Amegrove lle restan inda outras tres semanas de tempada por diante, con opcións de converter o seu subcampionato da LGT-A no menor dos seus méritos, os seus dous veciños da banda sur da Ría de Arousa veñen de pechar a campaña 2014 na Bandeira da Mariña. E en ambos casos, cun regusto amargo.

O C.R. Vilaxoán partía este ano con altas miras. Coa fichaxe do prestixioso Fran González coma adestrador, a intención era mellorar o resultado do ano pasado, entrar na quenda de honra, e ser competitivo nela. Pero só se conseguíu a medias, e con Fran González saíndo pola porta de atrás a cinco regatas da conclusión da Liga. «Fixemos o mellor posto da historia do club, cuartos, pero con sabor amargo. Nunca fumos quen de ser competitivos. Acabamos con dignidade, con cuestións extradeportivas que non foron normais, e iso condicionounos», explicaba onte o presidente do club, Gelo Tarrío.

Duro foi tamén o final para o C.R. Mecos, que tras liderar a LGT-B durante case toda a tempada, desinflouse nas tres últimas regatas para rematar cuarto, mesmo fóra do play-off. O presidente meco, Juan Ramón Outeda, achaca o baixón á perda de remeiros en agosto pola tempada hosteleira, e lembrou que Mecos non partía entre os candidatos ao título.