Changui: «Hai cousas que non se poden adestrar, ter o don do gol é unha»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

O dianteiro de Boiro nega a súa sona de oportunista, e reivindica o traballo duro

02 sep 2014 . Actualizado a las 19:17 h.

Marcos Yáñez, Changui (Boiro, 10 de abril de 1977), marabillou o pasado domingo a propios e a estraños cos seus catro goles anotados ante o potente As Pontes, que converten o seu equipo, o recén ascendido Ribadumia, en líder da Terceira, e a el en pichichi ao sumar seis tantos nas dúas xornadas de Liga. Curtido en mil batallas, desde a Primeira División ata a Preferente, Changui analiza a orixe da súa racha camiño de superar a súa propia marca, na súa segunda tempada na Terceira co Compos B: 36 dianas na 1997/98. Faino con ganas, di, de camiñar felizmente co Ribadumia o derradeiro treito da súa carreira deportiva.

-Con 37 anos vén de conseguir por primeira vez catro goles nun mesmo partido oficial...

-Oficial en categoría nacional. O ano pasado ou o anterior xa conseguira catro contra o Gondomar.

-E non só iso, xa leva seis tantos en dúas xornadas de Liga. ¿Que almorza vostede?

-Ri... O que pode almorzar calquera persoa, un cruasán e un café con leite. Nada especial. Desde que estou no Ribadumia estou nunha boa racha.

-Agora en serio, ¿como consegue un veterán competir coas pernas dun rapaz de 18 anos?

-Ben... Facendo unha boa pretempada. Con moita ilusión, e con moito adestramento. Tamén tendo sorte, xa o ano pasado non tiven ningunha lesión. Traballando duro, esforzándome, e loitando porque en cada fin de semana o partido saia perfecto.

-Oportunista. Esta é a palabra máis repetida cando un escoita falar das súas virtudes de goleador. ¿Moléstalle? ¿Está de acordo?

-Non. Non é oportunismo. É un don. Nacemos cun don. Cando hai un rebumbio na área e o balón lle cae sempre ao mesmo... Con iso nácese ou non. Oportunismo podes telo unha ou dúas tempadas. Hai cousas que non se poden adestrar, e ter o don do gol é unha delas.

-Máis aló do seu casilleiro persoal, coas súas actuacións ante o Bouzas e fronte ás Pontes vén de facer líder a un Ribadumia que está a iniciar a súa primeira tempada na Terceira. ¿Que supón iso para un futbolista que coma vostede xa probou as mieles da Primeira?

-Non son eu quen fixo líder o Ribadumia. O que fixo líder o Ribadumia foi o traballo de todo o grupo. Non marcaría se detrás non tivese uns compañeiros que traballasen para darme bos balóns. Detrás está tamén o traballo do corpo técnico, do preparador físico, e da directiva tentando traer xogadores que se adapten á filosofía do Ribadumia. Hai que ser humildes. E con traballo e sacrificio podemos sacar puntos.

-A tempada pasada fixo 32 goles na Preferente só en partidos de Liga. Con media ducia xa no peto, ¿vese en disposicion de superar aquel rexistro?

-Ja... Moi complicado. Está claro que canto máis alta é a categoría máis difícil resulta marcar goles. Porque leve 6 goles en dous partidos non significa que vaia rematar con 50. Eu estou contento porque teñamos 6 puntos en dous partidos. O que me preocupa é conseguir o obxectivo do club, a permanencia. Eu vou traballar para marcar o maior número de goles posible para axudar o equipo a sumar puntos e acadar a salvación. Dáme igual que sexan 10, 15 ou 20. E se é un compañeiro quen os marca, perfecto. O que quero é que esta sexa unha tempada para disfrutar todos os que formamos parte da familia do Ribadumia.

-Compostela, Pontevedra, Elche, Deportivo, Poli Ejido, Las Palmas, Skoda Xanthi de Grecia, Extremadura, Ciudad de Santiago, Santiago a secas, Boiro, Estradense, Atlético Ribeira e agora Ribadumia. Polo visto, nunca lle gustou parar moito en ningures...

-Non é que me gustase ou non. Sempre me gustou ir a proxectos que me ilusionaran. Por iso me movín tanto. Ó mellor non aguantas tanto tempo porque cando falas do fútbol profesional non é tan viable manterte moito nun mesmo sitio. Ándante cedendo de equipo en equipo.

-¿Que cre que lle impedíu triunfar a nivel profesional?

-Eu creo que a nivel profesional logrei triunfar. Conseguín xogar co Superdépor na Champions. Daquela o fútbol de elite era dun nivel moi elevado, había moitísima competencia, e era moi difícil competir con eses xogadores.

-Di o seu adestrador, Gabi Leis, que xa o dirixira no inicio da súa carreira no Compostela en Primeira, que vostede madurou moito. ¿Como era aquel Changui dos inicios, e como é o Changui de hoxe?

-Home. Está claro que o dos inicios era un rapaz, un chaval recén saído da casa vivindo en Santiago; inocente. E confías en persoas que ao final te acaban prexudicando. Agora con 37 anos é difícil que te enganen, tes a cabeza máis amobrada, es máis maduro, e pensas doutra maneira.

-Sen necesidade de demostrarlle nada a ninguén, ¿cal é o seu reto a estas alturas?

-Xa digo. Conseguir a permanencia co Ribadumia o antes posible. Que a afección e o club disfrutemos deste ano na Terceira, e consigamos canto antes a salvación. Que sexa un ano para disfrutar.

-¿Fase de ascenso?

-No... Iso é para os que presumen de ter moi bo orzamento, que traen xente de fóra e apostan por futbolistas que non son galegos. Para nós está sacar partido a partido, domingo a domingo, que xa é bastante difícil.

-¿Hai Changui para rato?

-Para esta tempada, fixo que si. E para a que vén, parece que tamén. Atópome ben tanto física como mentalmente. Estou encantando de estar aquí, no Ribadumia, teño feeling coa directiva e coa afección. Gustaríame rematar a miña carreira aquí.