Veloso vai a por todas no Tour do Río, e xa é segundo na xeral

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

Gustavo César Veloso, nun momento da súa participación na última Volta a Portugal.
Gustavo César Veloso, nun momento da súa participación na última Volta a Portugal. nuno veiga < / span>efe< / span>

Disputou o triunfo da primeira etapa sen sorte nun esprint final a dous co gañador da ronda do 2013, o tamén español Óscar Sevilla.

27 ago 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

Gustavo César Veloso estreou onte a súa condición de brillante gañador da última Volta a Portugal amosando as súas credenciais á xeral do Tour do Río. A proba na que, como na Grandíssima do 2013, rematara segundo na clasificación final por escasos segundos de desvantaxe co gañador, o tamén español Óscar Sevilla, un ilustre do pelotón internacional. Sevilla e Veloso entraron onte, por esta orde, na liña de meta da cidade de Angra dos Reis, e apuntan a un novo duelo pechado entre ambos que rematará de dilucidarse o vindeiro sábado logo de seis etapas polo estado de Río de Janeiro.

Desde alí partíu onte o pelotón da ronda brasileira para cubrir os 162,8 quilómetros con destino á chegada en Angra dos Reis. Despois de varias demarraxes da serpe multicor sen éxito, o líder do equipo colombiano UPM UNE e o xefe de filas do OFM-Quinta da Lixa portugués probaron sorte desde lonxe, con boa parte da segunda metade da etapa inda por diante.

Ningún dos outros equipos en competición conseguíu botar abaixo a fuga. Óscar Sevilla e Gustavo César Veloso disputáronse con máis dun minuto de vantaxe o triunfo do día ao esprint, co galego cruzando segundo a liña de meta.