Gustavo César Veloso busca desde hoxe o triunfo no Tour do Río

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O vilagarcián quere resarcirse do segundo posto do 2013 tras gañar a Volta a Portugal

26 ago 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

A tempada 2013 de Gustavo César Veloso estivo marcada por dous segundos postos. O colleitado nunha Volta a Portugal a 4 segundos do vencedor, o seu amigo e entón compañeiro de filas Álex Marque. E o que pouco despois asinaría ao outro lado do gran charco no Tour do Río, co tamén español Óscar Sevilla impoñéndose ao vilagarcián por unha escasa marxe de 7 segundos. Resarcido da experiencia na Grandíssima, logo de coroarse a comezos de mes como vencedor da súa edición número 76, o líder do OFM-Quinta da Lixa aspira a completar un 2014 redondo na gran ronda latinoamericana que hoxe arrinca desde Barra da Tijuca.

Por diante, case 1.000 quilómetros de carreira, divididos en seis etapas con chegadas ás cidades de Angra dos Reis, Volta Redonda, Tres Ríos, Teresópolis, Río das Ostras e, finalmente, a megalópole e capital do grande estado brasileiro que dá nome ao Tour, Río de Janeiro.

Once son os rivais do OFM-Quinta da Lixa en terras cariocas, cun pelotón con media ducia de escadras locais, e outras tantas estranxeiras de ata tres continentes diferentes que participan con cinco corredores por formación. No primeiro grupo figuran o Funvic Brasilinvest/São Jose dos Campos, o Clube Dataro de Ciclismo/Bottecchia, o São Francisco Saude/Açucar Caravelas/Gold Meta, o GRCE Memorial/PM Santos, o Equipe UFF de Ciclismo Ironage, e o ADF/Ass Desportiva Facex. De Europa chegan o Team Kuota alemán, o Neri-Sottoli-Yellow Fluo Pro Cycling Team italiano, o Leopard Development Team de Luxemburgo e o propio OFM-Quinta da Lixa, acompañados polo africano World Cycling Centre Africa`s Team e mais polo EPM UNE colombiano, que volta contar con Óscar Sevilla como xefe de filas coa intención de revalidar o triunfo do ano pasado.