O arousán David Bemposta reclámalles a Vilagarcía, a Meis e á Deputación axuda para poder ir ao mundial

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

MARTINA MISER

O deportista precisa duns 5.000 euros para competir en Francia

26 ago 2014 . Actualizado a las 06:54 h.

Campión galego absoluto nas modalidades de nadar-surf e de oceaman, e galego júnior en ambas as dúas e as de ski e de táboa. E como guinda, o subcampionato de España Júnior na proba de oceaman, unha modalidade da máxima esixencia ao combinar a natación, o atletismo e a destreza sobre unha táboa e un ski de socorrismo. Estes son os méritos que David Bemposta Varela (Meis, 29 de xullo de 1996), o máximo referente do recén creado Club de Salvamento Vilagarcía, leva acumulados ao longo do presente ano, e que lle fan crer nas súas posibilidades de facer un bo papel no Campionato do Mundo de Salvamento e de Socorrismo que se disputará do 12 ao 28 de setembro na cidade francesa de Montpellier. Mais a día de onte, competir no Mundial semellaba unha quimera para o arousán.

Logo de chamar sen éxito a un bo número de empresas da bisbarra na procura de financimento para a gran cita en augas galas, David Bemposta dirixíuse, como fan os clubs e moitos deportistas de alto nivel, ás administracións públicas. Solicitoulles axuda tanto ao seu Concello, Meis, como ao de Vilagarcía, no que se asenta o seu club e no que realiza todos os seus adestramentos, así como á Deputación de Pontevedra. E tampouco aquí atopou quen se prestara a contribuír aos arredor de 5.000 euros que, di, precisa para poder cubrir os gastos mínimos de participación no Mundial. Desembolso que inclúe, entre outros capítulos, o aluguer dunha furgoneta e dun ski para desprazarse con todo o material preciso a Montpellier para participar en media ducia de probas do Mundial, tanto en praia como en piscina.

«Síntome sen respaldo dos concellos e da Deputación», laiábase onte Bemposta lembrando «todas as horas que lle dediquei esta tempada a adestrarme». E engade «Non pido unha cantidade contiosa. Son un rapaz novo que quere facer deporte, e non podo ir a un Mundial porque non mo podo permitir economicamente. Este ano xa tiven que viaxar a Madrid, a Tenerife e a Tarragona, e a miña familia e o meu club non me poden apoiar máis». O 3 de setembro remata o prazo de inscrición.