A Liga arrinca cun Vilalonga-Lalín e Céltiga-Estradense

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O primeiro derbi da tempada xogaráse o 9 de novembro, en San Pedro

06 ago 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

O último día de agosto, o domingo 31. Esa é a data fixada para o inicio da Liga de Preferente Autonómica Sur 2014/15. Unha nova tempada que contará con tan só dous representantes arousáns, logo do histórico ascenso do Ribadumia á Terceira División, e da perda da categoría dun Unión Grove ao que lle tocará loitar de novo nunha Primeira Autonómica á que comeza a estar afeito. Vilalonga e Céltiga partirán co mesmo obxectivo: converterse nos sucesores do Ribadumia e do Xuventú Sanxenxo ao termo da campaña acadando os dous ascensos directos en xogo.

O seu longo camiño de 38 xornadas arrincará baixo os mesmos parámetros. Cunha xornada de apertura do campionato ligueiro en campo propio, e con rivais da zona noreste da provincia. Así, ao Vilalonga tocarálle medirse o día 31 ao CD Lalín, un histórico da Terceira División, mentres co Céltiga exercerá de anfitrión no Salvador Otero ante o CD Estradense.

O primeiro dos dous derbis arousáns quedou calendado pra o 9 de novembro, na undécima xornada de Liga, co Céltiga visitando o Novo San Pedro. A volta, o 29 de marzo en campo illense, na xornada 30.

Céltiga e Vilalonga pecharán o campionato como o abrirán, xogando como locais. O primeiro ante o Verín, e o cadro celestes fronte ao Atios, o 24 de maio. No tocante aos derbis sanxenxinos, o Vilalonga xogará no campo do Portonovo só unha semana despois de recibir o Céltiga.

Preferente Sur