«A forma de competir no grupo Norte e no Sur é diferente»

Montse García Iglesias
Montse garcía LALÍN / LA VOZ

DEPORTES

Álvaro Ballesteros

O técnico lalinense explica que o obxectivo co novo equipo será manterse

24 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O adestrador lalinense Javier Montoto voltou esta tempada aos banquillos despois de varias alonxado para adestrar ao Arzúa, un recén ascendido a Preferente. Neste equipo toma o testigo doutro lalinense, Francis Sixto.

-Levaba dende que estivera no Chantada alonxado do banquillo, ¿Como está sendo este regreso?

-Levaba parado tres tempadas. Estaba cómodo e agora decidín volver porque se cadra xa non o facía máis. O equipo é un pouco das características do Chantada, traballa con xente da casa e o ambiente de traballo nas tres sesións que levamos é bo. A xente está un pouco cargada e cansada da carga de traballo, pero o ambiente é bo. Así, agora estamos reiniciando a actividade. Ao principio sentes un pouco de intranquilidade pero pouco a pouco vaste adaptando a rutina diaria.

-¿Coñecía xa a plantilla?

-A plantilla coñecíaa. A algúns vinos aquí no Lalín, e os outros entre informes e agora nos propios adestramentos, no traballo diario, é cando vas vendo as súas características, a que zona se adaptan e vendo un pouquiño como nos imos adaptar á nova categoría. Vainos ser un salto cualitativo grande, de Primeira a Preferente. Antes o grupo de Primeira rexional de A Coruña, como era un só, sempre era forte pero agora, ao desdobralo en dous perdeu un pouco de competitividade. A ver o que somos capaces de facer. A idea inicial é tratar de competir o mellor posible e, algunha incorporación que fixemos, a ver o que nos pode aportar e ir con tranquilidade porque nestes clubes antes do aspecto deportivo o que miran é o económico, de ter o clube saneado. Trataremos de competir o mellor posible e adaptarnos canto antes á categoría.

-O obxectivo para vostedes, ¿pasa por manterse?

-Si, é o primeiro ano. É unha categoría ademais no que descenden máis da conta porque hai arrastres coa caída de outras categorías e, este ano, descenderon ata sete e aínda hai que reestruturalo.

-¿Como quere que xogue o equipo?

-Temos que miralo agora. O Arzúa era un equipo que a nivel defensivo traballaba ben, moi compacto e entón non podemos perder esas cousas boas que tiñan e a ver se a partir de aí somos capaces de facer algo máis na faceta ofensiva. Temos que actuar como equipo, ser un conxunto ben estruturado e equilibrado e despois se a xente nova nos da aportado algo máis en ataque, que era das carencias que tiña o equipo. Na anterior categoría resolvía ben os partidos. Cando se poñía por diante raramente perdía, o que indicaba que era ben traballado a nivel defensivo.

-E o banquillo de lalinense a lalinense, de Francis Sixto a vostede. ¿Mantivo algún contacto con el?

-Si, falei con él varias veces e estamos en contacto. Coñecémonos hai tempo e durante estas semanas falamos varias veces. Sempre procuras coller a maior cantidade de datos posible aínda que despois cada un temos a nosa maneira de traballar. E dende logo, todos os informes que teña, benvidos sexan.

-¿Ve moi forte a Preferente Norte este ano, onde se vai atopar co Estudiantil?

-Si. Adestrei no grupo Norte e no grupo Sur e son distintos na forma de competir e de xogar. Quizais no grupo Sur, nalgúns equipos hai máis calidade pero no grupo Norte, son todos equipos moi ben traballados, ben estruturados tacticamente e fisicamente son poderosos. Hai anos que tiñan un nivel moi bo, como cando estiven no Chantada. E de feito os que ascenderon mantivéronse en Terceira con toda a tranquilidade. E para nós, que somos un equipo novato da categoría, vai ser un bo órdago. A ver se somos quen de competir ben e saber ben a qué podemos xogar e, a partir de aí, ir medrando pouco a pouco.

-Antes aludía ao traballo da base do Arzúa como unha das características...

-Sempre me gustaron os equipos que se asentan no traballo da base, que é fundamental en calquera localidade. Ademais, na situación que estamos actualmente cada vez quedan menos clubes e entidades que poden traballar a golpe de talonario. Entón, hai que traballar coa base e non estar continuamente hipotecando clubes, que non é a situación ideal. Os equipos o que están facendo é aproveitar todos os xogadores da súa zona.

O Arzúa está previsto que se enfronte o próximo día 10 de agosto nun cuadrangular en Cruces ao Piloño, ao Lalín e o Estudiantil. O técnico apuntou que os amigables dependerán da Copa Deputación, que comezará o próximo 30 de xullo. Ademais, o día 23 de agosto ten previsto un encontro ante o Estradense.

Javier montoto adestrador do arzúa