Raúl Bralo: «Hai pouco orzamento, pero en fútbol os cartos non meten goles»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ/

DEPORTES

XOÁN A. SOLER

O técnico sabe que deberá botar man de xogadores do filial para facer un novo vestiario

02 jul 2014 . Actualizado a las 15:39 h.

Raúl Bralo (Rois, 1987) converteuse na nova aposta de Rafael Budiño para dirixir o segundo proxecto do equipo de Ames na Terceira División. O adestrador, que xa formou parte do corpo técnico no curso pasado, ven a substituir a Javi Touriño, quen marchou logo de seis anos na entidade.

-Afronta vostede un novo e ambicioso proxecto.

-Son coñecedor do que temos no clube, pois o vivín o ano pasado. Sei que vai ser un reto novo e moi complicado, pois o Bertamiráns vai manexar un orzamento menor que anos anteriores. Pero veño disposto a traballar e iso sempre da os seus froitos. Agardemos que logo de trinta e oito partidos sigamos na Terceira.

-¿Tivo que darlle moitas voltas á oferta do clube?

-Non o pensei moito. Escoitei a proposta, aínda que sempre tes algunhas dúbidas pola renuncia de Javi Touriño, quen incluso lles deu o meu nome. É una decisión de fútbol, son adestrador e síntome capacitado para levar este equipo.

-O orzamento será menor e podería debilitar o equipo.

-Sabemos que vai ser complicado, pero por traballo non vai ser. E por ilusión tampouco. Imos facer un equipo moi competitivo con xente moi nova. Non botaremos nada en falta doutras tempadas. Teremos un orzamento bastante curto, xa o sei, pero en fútbol os cartos non meten goles.

-Os cartos non marcan goles, pero axudan moito.

-Claro que algo sí, sobre todo á hora de asinar un dianteiro rematador. Pero o fútbol ten outros moitos recursos para facer que chegue o gol.

-¿Xa ten unha idea do equipo que terá nas súas mans?

-Estamos pendentes aínda das renovacións. Logo xa iremos cubrindo todas as baixas con xogadores que temos mirado.

-¿Preocupado por tantas baixas?

-Non. En absoluto.

-Xa sabe que terá que botar moita man da canteira, ¿non?

-Da mesma forma que chego eu ao primeiro equipo chegarán futbolistas da canteira. O clube está a traballar xenial coa base e o ano pasado xa debutaron varios xogadores da casa en Terceira División.

-¿Cantos futbolistas do filial estarán na primeira plantiña?

-Na pretempada van ser moitos, sobre todo os sub 23. Logo xa veremos o que se pode quedar. Tamén faremos a planificación dos da casa en función do que asinemos de fóra.

-¿Cal pensa vostede que foi a razón pola que lle propuxeron este proxecto?

-Primeiro porque son un home da casa e logo porque teño titulación de nivel 3. De seguro que tamén tomaron en consideración as verbas e as recomendacións de Javi Touriño. Agora só penso en respostar da mellor maneira posible a súa confianza.

-¿Que modelo de fútbol lle gusta máis?

-O que a min me gusta non vai ir moi ligado ao fútbol que teremos que practicar. Teremos moitas limitacións co noso terreo de xogo, que é dunhas dimensións reducidas. Non será un fútbol vistoso. Fóra da casa non poderemos levar o control e a iniciativa do partido, pero teremos outros recursos.

RAÚL BRALO NOVO ADESTRADOR DO BERTAMIRÁNS