O Arousa renova a Vixo e a Santi, e ficha a Javi Pazos

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

O plantel arlequinado queda virtualmente pechado, con 19 futbolistas e tres canteiráns apuntando este verán ao primeiro plantel

02 jul 2014 . Actualizado a las 11:39 h.

A directiva do Arousa vén de anunciar esta tarde tres operacións que deixan virtualmente pechado o plantel co que disputará a vindeira Liga de Terceira División. Trátase das renovacións de Rubén Carreira, "Vixo", e de Santi Padín, e a contratación de Javi Pazos.

O primeiro é, xunto con Adrián Camiño, o único supervivinte daquel equipo que no verán do 2009 iniciaba o longo e tortuoso camiño de regreso desde a Preferente Autonómica. O papel de Vixo voltará ser o de mediocentro de contención disposto a suplir o titular Rivas cando se lle presente a oportunidade. Pola súa banda, Santi pelexará con Juanjo polo lateral dereito no once do Arousa.

Sub-23 coma Santi, Javi Pazos (Marín, 21 de Marzo de 1993) trátase dun dianteiro cobizado polo adestrador do Arousa, José Luis Uhía, xa o verán pasado tras dirixilo brevemente no filial do Pontevedra. Logo de militar no primeiro plantel granate, Pazos optou o pasado verán por agardar por unha oferta mellor nas filas do Choco, desde as que acabou pasando ao filial do Nástic de Tarragona, o Pobla de Mafumet.

Con estas tres operacións o Arousa manexa a día de hoxe 19 xogadores no seu primeiro plantel, sen contar os xuvenís que veñen de rematar a súa etapa de formación cos que contaría en principio Piscis para a vindeira tempada, Fernando Santaló, Álex e Cheri.

Noutra orde de cousas, o porteiro Álex Vila e o mediocentro Jónathan, dúas das catro baixas confirmadas polo Arousa este verán, veñen de fichar polo Xuventú Sanxenxo, que a vindeira tempada competirá co cadro arlequinado na Terceira División.