«A afección do Pontevedra merece estar máis arriba»

Aleixandre Méndez
Álex Méndez PONTEVEDRA / LA VOZ

DEPORTES

O veterano exgranate agarda un partido igualado este domingo

23 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A piques de cumprir 40 anos, Carlos Padín (Catoira, 1974) segue a deixar a pegada da súa calidade en cada partido. O centrocampista do Boiro, que vestiu a camisola granate ata en tres etapas diferentes -a última, na tempada do descenso a Terceira- perfílase como un dos xogadores a seguir polos homes de Manu Fernández se aspiran a sumar os tres puntos no campo de Barraña. El, curtido en mil batallas, prevé que o partido será aberto. E malia que agarda que a vitoria sexa para o seu equipo, non oculta o seu desexo de que o Pontevedra tamén poida loitar polo ascenso.

-O final de liga achégase e aínda está todo por decidir na parte alta. ¿É o partido do domingo o máis importante dos tres que lle quedan ao Boiro?

-Agora mesmo si, tanto para eles como para nós vai a ser un partido moi importante. A clasificación estase apertando e perder cando restan tres xornadas sería complicado, malia que aínda quedarán puntos en xogo.

-Despois de moitas semanas no máis alto, a última derrota co Barbadás obriga ao seu e ata mirar cara abaixo para evitar saír dos postos de fase de ascenso...

-Foi un partido no que empezamos perdendo, puxémonos por diante e tivemos unha boa posibilidade ao fallar un penalti. Pero ao final gañaron eles, xa está pasado, e só queda pensar no domingo. Se queremos xogar unha fase de ascenso, este tipo de partidos son os que teremos por diante.

-Por primera vez o Pontevedra está por riba do Boiro. ¿Cambia isto o guion do domingo?

-Non cambia nada. Nós temos que sumar os tres puntos e máis xogando na casa. Temos que intentar gañar e creo que se verá un bo partido.

-¿Que Pontevedra agardan, e que Boiro se atoparán os granates?

-Iso é cousa dos adestradores. O que está claro é que os dous equipos iremos a polo partido, porque ambos temos potencial para facelo.

-Na primeira volta o Boiro adiantouse ata en dúas ocasión pero o partido rematou con empate a tres. ¿Quedoulles a sensación de que deixaron escaparon dous puntos?

-Coido que si. Iamos 0-2 e houbo un penalti pouco antes do descanso que cambiou o partido. Foi un empate, pero creo que merecemos a vitoria.

-A afección granate aínda lembra o seu paso polo Pontevedra. ¿Será un partido especial para vostede?

-É un partido máis. Está claro que no Pontevedra vivín tres etapas moi boas. A afección do Pontevedra é moi esixente, moi boa, e creo que o Pontevedra ten que subir porque esa afección merece estar máis arriba, por historia, por campo... Pero ao final é un partido máis, son tres puntos e esperemos que ao final da tempada esteamos os dous equipos xogando a fase de ascenso.

-En outubro cumprirá 40 anos. ¿Aínda lle queda fútbol por diante a Padín?

-En principio atópome ben e quero seguir xogando, un ano máis polo menos. Levo 7 goles, xogando moitos partidos, agás a principio de tempada que tiven unha lesión. Pero mentres me siga atopando así, eu quero seguir.

-¿A idea é facelo en Segunda B?

-Iso xa é máis complicado, aínda que si subimos habería que falalo. Pero a verdade é que en Terceira atópome cómodo. Dependerá todo de como me encontre e de si o equipo me quere en Segunda B.