O Cortegada ofrecerálle a renovación a Rubén Domínguez

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

15 abr 2014 . Actualizado a las 06:52 h.

«Estamos moi contentos, moi contentos. Cremos que fixemos unha moi boa tempada, superando as nosas expectativas e pese ás lesións. Felicitamos as xogadoras e o corpo técnico». Con estas palabras amosaba onte o voceiro da directiva da Agrupación Deportiva Cortegada, José Antonio Gorgoso, a satisfacción dos rectores do club polo sétimo posto final do seu primeiro plantel, o Portomar, na LF2.

Cun balance de 10 triunfos e 12 derrotas mesmo «por pouco nos metemos na fase de ascenso», sinalaba onte Gorgoso. E iso que «era un ano moi difícil», lembra, «despois do pao económico da tempada pasada» que obrigou o club a apostar por un plantel «de xogadoras moi novas, e sen experiencia» con Montse Gilabert como única veterana.

O directivo adiantou que «seguiremos apostando por xente da casa e novos valores». A continuidade é a clave. E nesa liña desvela que «lle imos ofrecer a renovación a Rubén Domínguez».

Non tardará moito o club en facelo, toda vez que a intención da directiva do Cortegada é comezar de inmediato a planificar a vindeira tempada. Claro que primeiro debe saber se seguirá o patrocinio de Portomar.