A directiva do Ribadumia lelles hoxe a cartilla aos xogadores

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

25 mar 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

Tres derrotas, dous empates e un único triunfo. Ou o que é o mesmo, tan só 5 puntos sumados do últimos 18 en xogo. A derrota o pasado domingo en Portonovo, ante un rival deprimido na táboa clasificatoria, deixou o Ribadumia tocado e con problemas de equilibrio na segunda e última praza de ascenso directo á Terceira División. Do liderado e os 7 puntos de colchón respecto ao terceiro clasificado na xornada 24 pasou a ver o Sanxenxo 6 por riba e cun só punto de diferenza respecto ao seu inmediato perseguidor, o hoxe renacido e envalentonado Vilalonga.

Así as cousas, a directiva do club aurinegro convocou hoxe o plantel que dirixe Gabi Leis a unha xuntanza antes do primeiro adestramento semanal para analizar a situación do equipo, e ver de reconducila.

«A situación non é boa. Na directiva non estamos nada satisfeitos co rendemento do plantel. Todo o contrario ca co adestrador, que sabemos que está a traballar, e ao que lle está a afectar a situación do equipo», sinalaba onte Manuel Mougán.

O voceiro da executiva do Ribadumia amosou a especial preocupación desta última logo do visto o pasado domingo. «A imaxe que demos en Portonovo é penosa. Houbo unha falta total de actitude e de compromiso do plantel. Pódense perder os partidos, pero se se perden pelexándoos».

Mougán explica que «os xogadores están a cobrar ao día. Creo que non nos merecemos isto. Sobre todo a nosa afección».

«A imaxe que demos onte -polo domingo- en Portonovo é penosa. Houbo unha falta total de actitude e de compromiso do plantel»

Voceiro da directiva do Ribadumia