«Se aguantamos as próximas tres xornadas...»

M.G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

DEPORTES

19 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Ordes chega ao momento decisivo da tempada, con oito partidos por diante, a só dous puntos do cuarto clasificado, o Cerceda. O seu adestrador, Nacho Fernández Pacios, fai unha análise sosegada da situación, sen renunciar ao sono da promoción pero, ao propio tempo, sen vender fume. É una posibilidade que se lle presenta ao equipo polo bo curso feito ata agora. E tratará de aproveitala seguindo esa mesma liña de traballo que vén completando.

-¿Cal é a clave desta boa tempada, máis alá das tres últimas vitorias seguidas?

-Creo que é un pouco produto de todo. Pasamos un bache importante ao final da primeira volta, que nos alonxou, pero os de arriba tampouco escaparon. Estamos cerca e non esperabamos a só dous puntos.

-¿Sería moito simplificar que hai un antes e un despois da chegada de Quintairos?

-Máis que simplificar, non sería xusto. Na primeira volta o equipo estivo moi ben. Faltábanos algo en canto a gol, e iso é o que gañamos con Quintairos. Hai que valorar as cousas segundo a xente que está dispoñible.

-Pero o conto si que cambia.

-Evidentemente, de ter un goleador a non telo, cambia moitísimo. Nese sentido estamos contentos.

-¿É vostede dos que fai cálculos o prefire non romper a cabeza debullando probabilidades?

-En principio, quedan oito partidos, moitos enfrontamentos directos... Se aguantamos as próximas tres xornadas... Creo que a partir de aí se podería pensar en facer algo. De momento debemos estar tranquilos, saber que non nos atopamos entre os catro primeiros e que hai equipos por diante con máis opcións ca nós.

-¿Favoritos?

-Boiro e Somozas téñeno moi preto. Logo hai un abano, no que o Pontevedra está ben situado. Quédanlle varios enfrontamentos directos nos que se xogará moito. E o cuarto haberá que pelexalo.

-A baza da experiencia está do lado do Ordes.

-O importante destas situacións e saber xogalas e comportarse no momento como require a ocasión. Para entrar na promoción temos que estar moi ben e os demais fallar, porque hai que remontar. Aínda temos que ir a Pontevedra, o Cerceda pasará por Vista Alegre, acabamos en Boiro... É complicado.

-¿Como vai o capítulo das lesións?

-Agora mesmo, levamos tres semanas sen Álex Castro nin Javi Rey. Levámolo como toda a tempada.

-Sorte no que queda por diante, que promete, cando menos, emoción.

-Grazas.