«Vou loitar por estar na paraolimpiada de Brasil 2016»

José Manuel Ferreiro Negreira
josé m. ferreiro CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

A falta de apoio económico fixo que esta temporada non puidese xogar

11 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O tenista Martín Varela Dourado (Corme, 1978) quere volver competir despois de pasar a actual tempada en branco, sen xogar, por falta de apoio económico. Aínda así, Martín non deixou de adestrar e márcase varios obxectivos para o vindeiro ano, cando comezará coas xestións de cara a poder ter achegas de casas comerciais da Costa da Morte, da Coruña e de Santiago.

-¿Como leva o de non competir?

-Bastante mal. Dende o 2005 estiven sempre competindo e fáiseme estraño non facelo. Pero espero volver o vindeiro ano.

-¿Como vai facer?

-O meu irmán está facendo uns dosieres para presentar en empresas co fin de acadar un apoio imprescindible para poder afrontar os circuítos de tenis en cadeiras de rodas a nivel nacional e internacional.

-¿Marcouse algún obxectivo?

-Vou loitar por estar na paraolimpiada de Brasil 2016. Para iso tes que competir nas dúas últimas tempadas para poder conseguir os puntos necesarios de cara a estar no ránking nacional.

-¿Esa é a meta de Martín?

-Hai algún tempo que me anda na cabeza facer unha Escola de Tenis na Costa da Morte. Non pretendo que sexa para que compitan, senón para que os diversos funcionais severos poida facer deporte. Algo que sería moi necesario nos seus casos.

-Pero vostede continúa adestrando.

-Si, é certo. E iso é grazas a un acto que se fixo en Corme no pasado mes de maio. Non tivemos moita sorte, porque aquel día lembro que choveu o que non está nos escritos. Pero quero agradecer ese apoio que recibín, que para min foi moi importante.

-¿Tanto lle valeu?

-Grazas a eses cartos podo seguir adestrando e ese diñeiro darame a posibilidade de facelo ata o próximo mes de xaneiro, acudindo a A Coruña.

-¿Como foron as cousas nese acto?

-Supuxo un desembolso de 6.900 euros e recadáronse 7.000. Esa diferenza máis a achega dos patrocinadores sumaron 1.800 euros. E esa é a cantidade que me posibilita adestrar nas instalacións de Marineda na Coruña.

-¿Cando volverá competir?

-A pretensión é volver no mes de marzo do 2014. Antes teremos que facer moitas xestións, visitar empresas, entregar dosieres e intentar convencer aos que me poidan apoiar de que será bo tamén para eles.

-¿Falamos do proxecto?

-A miña intención é disputar os circuítos nacional, no que serán cinco torneos, e o internacional, que abarca dende 12 a 15. Ademais, aquí tamén inclúo os adestramentos. O meu obxectivo é facer tres semanais, de decembro dun ano a outro do ano seguinte.

-¿De que cantidade falamos?

-O presuposto rondará os 19.000 euros. E o que intento aforrar, o máximo posible, aínda que hai uns gastos que non podes evitar. Esa podería ser una cifra moi real e axeitada.

-¿Está con ánimo?

-Iso sempre, nunca me falta. Só espero que a xente poida axudar para facer o proxecto realidade e así volver competir.

MARTÍN VARELA DOURADO TENISTA EN CADEIRAS DE RODAS