Dolores Sánchez: «Gústanos ser unhas heroínas»

Ignacio Meitín Buján
I. Meitín Buján VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

14 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Dolores Sánchez (Curtis, 1980) é Dolo no vestiario do mellor equipo de España de fútbol sala feminino. A antiga xogadora do Friol, Riazor e Ponte Ourense cumpre a súa quinta tempada no Burela-Pescados Rubén, e pola súa condición de capitana tócalle pór voz á fazaña que vén de acadar o conxunto da Mariña lucense: colarse no cadro de honra da Primeira División, cheo de clubs de concellos polo menos dez veces máis grandes que Burela.

-Heroínas laranxas. ¿Gústalle o cartel que lles colgan?

-Sona ben, gústanos ser unhas heroínas. Somos conscientes da importancia que ten o que acadamos, ser o primeiro equipo da provincia de Lugo en gañar unha liga de Primeira División, pero non hai que esquecer que isto é froito do traballo de moita xente durante os últimos cinco anos.

-Un título pola igualdade. ¿E este titular?

-A realidade é a que é. O deporte masculino move moita máis xente, máis cartos e, sobre todo, ten máis atención dos medios de comunicación. A diferenza é clara e un bo exemplo vivímolo nós neste último encontro fronte ao Atlético de Madrid. Para que o televisaran foi necesario o esforzo de moita xente, non só de Burela. No deporte feminino sempre se encontran máis trabas para case todo.

-A Mariña tenlle un cariño especial ao Burela feminino

-É verdade, e o sábado quedou máis que claro. Levo xa cinco anos en Burela e non deixa de sorprenderme a paixón coa que se vive o fútbol sala, tamén o feminino.

-¿Cal é a receita para ser campión de Primeira División?

-O Burela FSF ten os ingredientes máis importantes. Quizais non somos a mellor plantilla da Liga, pero si temos un grupo de xogadoras moi sacrificado, con moita ambición e moi traballador, un director de orquestra (Javier Pardeiro) que sabe sacar o mellor de cada unha de nós, un preparador físico estupendo, un grupo de xente detrás que fai un gran labor, un patrocinador entregado e, por suposto, unha afección que nos dá azos.

-Nunca antes un pobo festexara un título na Primeira División feminina de fútbol sala.

-Iso aínda lle dá máis mérito ao que fixemos. Burela é un sitio único para disfrutar do fútbol sala.

-¿Cómo viviron os días previos a ese histórico partido contra o Atlético de Madrid?

-Con moita ilusión. Saías á rúa e recibías máis que nunca o cariño da xente, que te paraba, te felicitaba, te animaba... Notabas que algo se estaba movendo. Nos adestramentos seguimos o camiño de todo o ano, non cambiamos nada da nosa rutina.

-Máis de 1.500 persoas no pavillón. ¿Algunha vez xogara ante tanta xente?

-Seguramente non, e non creo que volva a facelo. O ambiente foi incrible.

-Con 32 anos, ¿quédalle corda para rato ou xa pensa na retirada?

-Agora mesmo só penso en disfrutar disto e na Copa de España. Non son de mirar máis aló do día a día.

-¿E que fará cando colgue as zapatillas?

-Seguramente o mesmo que fan a maioría das xogadoras de fútbol sala, continuar cos estudos ou amplialos.